Brigadistas con motobombas traballaron a pasada noite para extinguir o lume que se reavivou na ladeira do Mondigo e na Madanela. A situación, segundo o alcalde, Dani Vega, estivo en todo momento controlada. A chuvia caída nas últimas horas en Ribadeo axudou.
O rexedor ribadense dixo que “moito mais tranquila foi esta pasada noite, en todo momento contamos coa presenza de brigadistas e motobombas repartidos por todo o concello. Concretamente na zona de Cubelas, na ladeira do Mondigo avivouse un foco, que estivo en todo momento controlado e con maquinaria foi cortado automaticamente grazas á intervención dos brigadistas”.
Vega contou que “tamén na zona da Madanela, na parroquia de Vilaframil, houbo tamén algún risco esta pasada noite, pero en todo momento a situación estivo controlada”. E insistiu en que “toda a noite estiveron os brigadistas coas motobombas controlando a situación. Tamén axudou a choiva caída nas últimas horas en Ribadeo”.
O alcalde subliñou que “será nos vindeiros días cando tocará analizar e concretar medidas, pero nestes momentos o importante era controlar o incendio, iso fíxose e no día de hoxe podemos dicir que non temos activo ningún lume”.