A Garda Civil de Lugo detivo a catro persoas, unha delas menor de idade, acusadas de roubar diñeiro e outros efectos do interior dunha vivenda situada en Ribadeo, aproveitando que fora evacuada pola proximidade dun incendio.
Así, segundo informou o corpo, os propietarios da vivenda en cuestión foran evacuados pola proximidade dun incendio que afectou á comarca da Mariña e que obrigou a activar a situación 2.
Aproveitando esta circunstancia, os agora detidos introducíronse no inmoble e subtraeron do seu interior 750 euros e distintos obxectos. Os detidos –un menor e tres maiores de idade de entre 18 e 31 anos– foron postos a disposición xudicial.
TRES CADEIRAS DE MONTAR E UNHA MANGUEIRA
Por outra banda, a Garda Civil detivo tamén a unha veciña de Lugo de 37 anos como suposta autora dun delito de furto cometido no interior duns garaxes do termo municipal de Ribadeo hai un ano, de onde levou cinco cadeiras de montar dacabalo e oitenta metros de mangueira trifásica, segundo denunciou o seu propietario.
No marco da investigación policial, os axentes detectaron un anuncio nunha plataforma de venda de obxectos de segunda man a través de Internet, no cal se ofertaba unha cadeira que podería corresponder coas subtraídas en agosto do ano pasado. O denunciante identificouna como propia.
Tras realizar as xestións oportunas, a persoa que publicaba o anuncio dixo que a adquiriu no mes de abril a unha persoa con quen contactara para a compra dunha egua tamén a través de Internet. Como consecuencia, identificouse e detivo á veciña de Lugo, á que lle foron intervidas outras dúas cadeiras como as subtraídas en 2022.
Así mesmo, en Burela, a Garda Civil detivo a un home de 38 anos acusado de acceder a unha leira pechada e roubar varias pezas de dúas máquinas autocargadoras forestais, valoradas en 14.000 euros.