O alcalde, Dani Vega, fai unha valoración moi positiva da xuntanza mantida coa Consellería de Medio Rural tras os incendios do pasado 12 de outubro en Trabada, Ribadeo e Foz.
O rexedor declarou: “facemos unha valoración moi positiva da reunión que tivemos hoxe na Consellería de Medio Rural a alcaldesa de Trabada, o alcalde de Foz e un servidor. Creo que foi unha reunión realmente produtiva, onde houbo un respecto institucional absoluto e onde a colaboración das administracións vai ser permanente”.
Vega contou que “estivemos traballando primeiro en detectar cal foi o problema de raíz, creo que hai que facer agora un diagnóstico claro. Pouco a pouco poñeremos propostas enriba da mesa para que toda a veciñanza teña realmente solucións a este problema”.
Para o alcalde de Ribadeo o acontecido o pasado 12 de outubro “foi unha desgraza para a que agora temos que concretar medidas e por iso neste primeiro encontro o primeiro que fixemos foi tomar medidas a curto prazo. Por parte da Consellería vaise elaborar un informe técnico, detallado sobre o estado da masa arborada afectada, que servirá de base para planificar as actuacións oportunas en relación coa recuperación do post incendio. Tamén creo fundamental, e os alcaldes o dixemos con moita claridade, que hai que programar unhas charlas, hai que informar a todos os propietarios, a todas as comunidades de montes, con axentes forestais, con servizo técnico da Xunta, hai que axudar a optimizar a xestión das áreas, de toda a superficie forestal, para axilizar as cortas de madeira co fin de tratar de aproveitar este recurso da mellor maneira posible”.