-Xa son trinta e tres edicións da San Silvestre en Ribadeo. Que novidades engaden para esta nova edición?
Mantemos o mesmo sen grandes novidades, aquilo que tivo aceptación entre a xente como son os 5 km interurbanos de carreira, percorrendo zona de costa até o cargadoiro e finalizar na Praza de España. Tamén haberá categoría de pitufos: miniprebenxamín, prebenxamín e infantil, nenos dun ano até os 11 anos. O único requerimento é que poidan andar.
-O calendario para apuntarse ás probas cando pecha?
Este calendario estará aberto até o 26 de decembro. Haberá unha milla para rapazas de entre 8 e 9 anos. Tamén haberá premios en metálico para os tres primeiros gañadores absolutos de 150 e 25 euros máis uns trofeos feitos por unha asociación coa que colaboramos.
-Coa San Silvestre de Ribadeo buscan animar a facer deporte á veciñanza do concello?
Buscamos que participe xente de todas as idades. Á parte da San Silvestre, teremos a Primeira Marcha Interxeracional San Silvestre. Será unha San Silvestre para maiores e terá en especial que poderán participar persoas non maiores ás que lles porán elementos para limitar a súa mobilidade, visibilidade e outras limitacións para comprobaren como senten, ven ou moven as persoas con dependencias. Será unha marcha inclusiva.
-Que medidas de seguridade se van tomar para esta edición?
Temos a colaboración da Cruz Vermella con dúas ambulancias, teremos a colaboración do 112 e da nosa policía local que nos está axudando en todos os eventos. Sumaranse os clubes deportivos sociais que nos axudan igual durante a media maratón. Para a carreira nocturna Rinlo-Ribadeo teremos o apoio do Club Atletismo Ribadeo.
-Contan con que haxa máis participación por parte dunhas determinadas idades?
Cremos que pode haber máis representación de nenos, algo moi destacable, e se o tempo o permite, esperamos ter unha San Silvestre e sumar máis afeccionados ao deporte.
-Gustaríalles facer variacións no percorrido para futuras edicións?
Como estamos arranxando algunhas vías, ao mellor poderemos mover o percorrido para maior seguridade dos participantes con trazados máis accesibles para eles. Tamén é bonito, como piden as persoas participantes, seguir mantendo o circuíto interurbano para darlle visibilidade á proba.
-Apúntase xente de concellos veciños e doutras partes?
Tivemos chamadas xa en novembro tivemos chamadas de moita xente de Asturias e xente de fóra da nosa provincia. É unha carreira competitiva controlada pola Championship Norte e quen participa sempre quere ver en que marcas está.
-Cal é o cometido de Championship Norte?
Cronometrar a competición e así poderemos coñecer de maneira controlada as diferentes marcas, os ritmos, as paradas e permite saber cando alguén necesita axuda cos chips de Championship Norte.
-Sabe se a xente se prepara previamente para esta San Silvestre?
Si, os clubes de atletismo están a adestrar, o mesmo fan os e as afeccionadas e animando aos máis pequenos para apuntarse.
-Que clubes de atletismo son os máis asiduos?
O Clube de Atletismo de Ribadeo, o de Foz e os dos concellos limítrofes. Por outra parte, outros concellos, aínda que non sexa puntuable competitivamente, celebran cada un a súa San Silvestre, pois o día de Fin de Ano é unha data moi emotiva.