InicioOrientalRibadeoACISA Ribadeo suma case 30 novos asociados en 2023

ACISA Ribadeo suma case 30 novos asociados en 2023

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, destaca que “a Acisa Ribadeo incorporáronse como asociadas neste 2023 un total de 29 empresas. Estamos nun cifra récord no prazo de 12 meses e desta maneira chegamos case aos 170 socios".

Publicada o

- Advertisement -

Acisa Ribadeo suma case 30 novos negocios asociados neste ano 2023, cifra record de adhesións. A directiva da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos fai un chamamento para que máis firmas se unan. A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, destaca que “a Acisa Ribadeo incorporáronse como asociadas neste 2023 un total de 29 empresas. Estamos nun cifra récord no prazo de 12 meses e desta maneira chegamos case aos 170 socios. Son preto de 90 comercios, 50 establecementos hostaleiros e máis de 30 empresas de servizos e industriais. Desde a directiva de Acisa mostrámonos moi satisfeitos con estes datos, porque nos indican que os negocios de Ribadeo confían no noso colectivo e no traballo que se está realizando desde a asociación”.

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, lembra que “a pandemia foi un momento moi duro, no que Acisa, do mesmo xeito que outras asociacións perdemos asociados nos nosos colectivos, derivado de recortes e peches. Desde ese ano 2020 en Acisa trabállase intensamente para recuperar o nivel de socios e socias que tiñamos antes, algo que se está conseguindo, e que esperamos poder superar. De feito, hoxe queremos facer un chamamento a todas as empresas ribadenses, que recentemente abriron as súas portas, ás que levan moito tempo abertas e non foron socios da nosa entidade e ás que o foron e polo que sexa agora non o son, para que confíen en nostros e únanse ao noso colectivo”.

Pérez Prada explica que “ser socio de Acisa Ribadeo a día de hoxe achega un gran valor engadido aos negocios. O noso traballo é moi variado, este ano, por exemplo, con campañas de dinamización comercial e hostaleira típicas, como os días do pai e da nai, San Valentin, pero tamén con novidades que gustaron moito, como o Rasca e Gana, ou as xornadas gastronómicas da pescada e Asturias en Ribadeo. Estamos perto do Concello en campañas como as Panchas, a pista de xeo ou o Ribadeo Indiano; e promovemos e informamos sobre campañas doutras administracións como o Bono Activa da Xunta, os Días Azuis da Federación Galega de Comercio entre outras; colaboramos con eventos ou colectivos que atraen a moitas persoas á nosa localidade, repartimos miles de materiais gratuítos, que inclúen vasos de plástico e térmicos, envases e bolsas de comida para levar, bolsas de botellas de viño, bolsas para o comercio e mapas turísticos para hoteis”.

E engade: “tamén prestamos asesoramento técnico desde a xerencia sobre todas as axudas e subvencións que as administracións convocan ou calquera aspecto do funcionamento diario das empresas. Outro servizo para destacar son os convenios con condicións especiais para as socias e os socios, como pode ser en mensaxería, telefonía, estudos de facturas de luz e gas ou servizos bancarios. A publicidade e promoción dos nosos socios tamén é un importante servizo que prestamos, tanto na nosa web, app, redes sociais e nas propias campañas que realizamos” Carmen Cruzado destaca que “con Acisa todos os meses hai unha actividade de dinamización, coa que tentamos axudar aos nosos negocios para fidelizar á súa clientela, ben sexa a través de sorteos, con premios en vales de compra, viaxes, ceas…. e durante todo o ano dispoñemos deses materiais gratuítos para facilitarllos aos nosos socios e socias. En definitiva, ser socio de Acisa Ribadeo a día de hoxe achega moitos e variados servizos ás empresas que forman parte do noso colectivo, campañas de fidelización de clientes, campañas de captación de clientes, materiais gratuítos, publicidade e promoción, colaboración con outras entidades que atraen miles de visitantes, convenios con condicións vantaxosas, así como asesoramento técnico”.

A presidenta de Acisa engade: “por todo iso gustaríanos dirixirnos a todos os empresarios e empresarias ribadenses que non forman parte do noso colectivo para que se animen adherirse a Acisa, cantos máis sexamos, máis actividades poderemos organizar e con máis servizos e materiais poderemos contar. E quero aproveitar para darlle a benvida aos negocios que este ano confiaron en nós”.

Os novos socios de Acisa Ribadeo son: A Galletería, Lydia´sAntiques Real Está, Bimba 13, Telepizza, A Menchina, Serendipia, Farmacia Montse Iglesias, Talleres Cardi, Asesoría Administrativa Ribadeo, Florería Maribel, Catro Ventos, A Flor de Jose, O Colonial de Jose, Cervexaría San Roque, Meson D´cata, Ou FerradoMarelo, Autoescola DestaVai, Araucaria Gastronómico, Ramonita, Lavandería Autoservizo Gran Vía, Casa Mandarina, BG Sistemas Informáticos, Obradoiro A Ficel, Delicates, Á boia, OVSKids, O Recuncho do Gordo, Ohana e Cayo Coco.

E finaliza: “é obvio que tamén hai baixas, por sorte cada vez son menos, e veñen derivadas lamentablemente de peches de negocios, xubilacións, ou causas deste tipo. De non ser por iso superariamos os 170 socios hai meses. De todos os xeitos Ribadeo é unha vila moi dinámica e afortunadamente hai moito movemento comercial. Cando un local pecha ás poucas semanas aparece unha emprendedora ou emprendedor disposto a poñer o seu negocio en marcha en Ribadeo e iso é moi importante”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...