A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo fai unha valoración moi positiva da pasada ponte festiva no que a ocupación hostaleira roldou o 75%.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, destacou que “polo que nos comentan os nosos asociados e asociadas os datos de ocupación foron mellores que os alcanzados en 2022 e tamén os de facturación en hostalaría. Por iso é polo que o balance que podemos facer é moi positivo. Esta é unha boa forma de iniciar decembro, o mes por excelencia das compras no comercio e un moi bo mes para a hostalaría coas ceas de empresa e de amigos, típicas destas festas, as ceas de Fin de Ano e os encargos de comida para levar a casa”.
O xerente da asociación ribadense, Jesús Pérez, sinalou que “estamos a falar duns datos mellores que os do pasado ano. Tras consultar cos nosos asociados e asociadas, e cos datos que temos ata o momento, a ocupación hostaleira roldou de media o 75%, e os restaurantes e bares están a comunicarnos unha facturación nalgún caso, de ata un 25 % máis respecto ao 2022. Polo que nos indican, os días de maior afluencia foron o venres 8 e o sábado 9”.
Pérez Prada indicou que “xa se empezan tamén a notar as ceas de empresas e amigos. Respecto ao comercio, as cifras tamén son boas, un dato relevante é que en moitos casos, están a pedirnos máis vales de desconto para a pista de xeo, o cal quere dicir que o nivel de vendas destas datas foi alto”.
Cruzado Iglesias engadiu que “Ribadeo é un referente turístico e comercial tanto en Galicia como en Asturias. Durante esta macroponte festiva as rúas da vila estiveron repletas de persoas que nos elixiron para pasar uns días de descanso e que aproveitaron para facer as súas compras no noso comercio e para gozar da nosa gastronomía. Todo iso aderezado co Mercado do Nadal, organizado polo Concello de Ribadeo, as luces, así como coa pista de xeo e RibaXogo, onde houbo un gran ambiente todos os días. A Ribadeo chegaron moitos turistas procedentes de Madrid, Euskadi, Asturias, Galicia ou Cataluña, por poñer só uns exemplos”.