O Concello mellora o alumeado público na parroquia de Ove instalando sete novos puntos de luz na zona da Palmeira. O alcalde, Dani Vega, subliña que deste xeito se atende unha vella reivindicación veciñal.
O rexedor contou que “desde o Concello seguimos a mellorar as nosas parroquias e neste caso falamos de Ove. Levaba moito tempo reivindicando un alumeado público para a zona da Palmeira e nosoutros escoitamos a súa demanda e decidimos investir e xestionar os orzamentos necesarios. E eses novos sete puntos que van iluminar a zona da Palmeira van mellorar todo esa contorna”.
Vega indicou que “nosoutros o que imos é seguir esta liña de traballo en consenso cos veciños, escoitando as súas demandas e mellorando as parroquias. Desde un punto de vista lumínico hai que seguir mellorando. Imos seguir investindo noutras parroquias que tamén nos están a dicir que teriamos que mellorar eses puntos negros, que non é bo que sigan así. E tamén desde o punto de vista das infraestruturas. Por iso seguiremos traballando conxuntamente e estes novos puntos de luz melloran significativamente a parroquia de Ove”.