-Actualmente cales son as obras que o Concello está realizando arredor do Porto de Ribadeo?
Conseguimos dous millóns de euros e agora mesmo xa se está a dragar a ría. Iso é un bo labor de potenciación económica do porto, pois o dragado implica tamén ao porto pesqueiro e o deportivo. Vaise limpar ese muro arredor que leva moito tempo abandonado e agora mesmo estamos elaborando un informe para enviarlle a Portos de Galicia e así podermos limpar esa infraestrutura que vai do porto ao Restaurante San Miguel. Ademais, arranxaremos unha serie de rúas, como a Rúa Buenos Aires, sobre a que o Concello traballa para presentar un novo proxecto.
-Como se consegue un orzamento de máis de doce millóns para Ribadeo? É unha cifra importante.
Hai que traballar todos os días e ademais, entendemos que a lealdade institucional co pobo de Ribadeo debe trasladarse desde a oposición ou desde o goberno porque es un cargo institucional. Digo isto porque moitos entende que estar na oposición é criticar o goberno e nada máis. Cando eu estaba na oposición era leal e hoxe aprobouse un orzamento moi importante para Ribadeo, e estou no goberno. O que fixemos durante todos estes anos foi xestionar moito orzamento que se concretou agora. Falamos dos dous millóns do dragado e falamos tamén de que en pouco tempo se traballou no parque, o mesmo cos 700.000 euros para o Hospital Asilo, en pouco tempo se traballou para buscar un novo centro de saúde e en pouco tempo traballamos para ter un plan de infraestruturas no rural. Isto quere dicir que as cousas xa se viñan traballando desde antes de chegarmos ao goberno e unha vez chegamos ese traballo incrementouse e iso queda avalado con cifras.
-Centro de Saúde e Hospital Asilo, foron dúas infraestruturas que durante tempo deron que falar sobre todo para aumentar prestacións e crear novas infraestruturas.
Isto levámolo traballando desde hai moito tempo. Fomos o único partido da oposición que levou ao pleno municipal unha moción para que a Xunta investise nun novo centro de Saúde en Ribadeo, mais sorprendentemente, o BNG votaba en contra alegando que co existente xa era suficiente. Descoñecía que para ter un centro de saúde moderno, como teñen todas as vilas grandes, había que incorporar un centro 061 dentro dese espazo para ter todo o conxunto de atención sanitaria. Nós comezamos así, e como se pode chegar a iso? Pois traballando de maneira constante e sendo eficaz. E o mesmo que diciamos na oposición dicímolo agora, é necesario o novo centro de saúde. Agora están chegando os informes preceptivos e despois comezaremos con toda a documentación que logo ralentizará os tempos, mais hai que cumprimentala. Sobre o Hospital Asilo, estase acreditando que comezaron as obras, logo se asinará o convenio. Ambas as dúas obras non son foguetes no aire, brinde ao sol, porque unha estase vendo e sobre o centro de saúde a tramitación é burocrática nestes momentos. Se seguimos con outros elementos, temos o Plan de Infraestruturas, aí debo dicir que nós traballamos con todas as administracións e se hai un Plan de Infraestruturas rápido é porque traballamos coa Deputación, non queremos confrontar con ninguén e traballamos. O Plan Único presentouse con toda a documentación e á Deputación dámoslle as grazas por colaborar con nós co Plan Único, como todos os concellos. Todo iso xa está en marcha.
-Non só estaba o plan da Deputación. Agora mesmo hai outro plan.
Agora mesmo temos outro plan en marcha un plan de infraestruturas coa Xunta, tamén estamos facendo unha limpeza de cunetas, por tanto, estamos facendo o que prometemos cando estabamos na oposición, sendo coherentes. O plan de limpeza de Ribadeo implica que todos a veciñanza estea satisfeita pola limpeza da vila. Antes era un lugar onde non se limpaba nin conservaba o entorno como praias ou áreas recreativas, hoxe si porque hai un plan de limpeza. Hoxe todo o mundo pode observar que este plan dá resultados. Por que? Porque hai un concelleiro de Medio Ambiente, Obras e Medio Rural que está aí, hai constancia cos traballadores, hai un traballo mutuo, hai unha disciplina e unha orde, iso é o que reclama a veciñanza.
-Non parece ter medo que haxa xente que o comparalo co anterior alcalde.
O certo é que non teño tempo para pararme en cousas como esas. Non teño nada en contra de ningún dos anteriores alcaldes deste concello, cada un fixo as cousas como mellor puido, seguro. O anterior alcalde dedicouse a traballar por Ribadeo todo o que puido e así todos os anteiores. O que fago é darlle as grazas a cada un dos alcaldes porque cada un puxo un gran de area para mellorar Ribadeo e con cada concelleiro.
-Xa van pensando no que será o vindeiro Ribadeo Indiano?
Aínda estamos no Nadal, hai que comer as uvas. Polo de agora hai unha planificación do Ribadeo Indiano, o que queremos mais aínda non realizamos ningunha xestión que dera resultado, de momento aínda estamos debatendo e xestionando outros puntos.
-Teñen preparadas ou ideadas algunhas iniciativas para manter lazos co outro lado da ría, con Asturias?
Eu teño unha relación marabillosa con todos os alcaldes da contorna da ría. Considero que todos traballamos na mesma dirección pois temos un valor engadido en común, a ría. Debemos traballar todos xuntos e como se defende a ría e dragándoa, creando industria, instalando empresas, conservando a fauna e o medioambiente da mesma e todo en harmonía. Creo que o feito polo Concello de Ribadeo se fixo respectando aos concellos veciños e amigos asturianos. Considero ademais Ribadeo esa capital astur-galaica onde todo o mundo acaba aquí. Entre Galicia e Asturias o punto de encontro é Ribadeo e como punto de encontro debemos abrir as portas, abrazar á xente, por tanto, nós estaremos unidos a todos os concellos, dun lado e doutro.