Ribadeo segue actuando nos areais con planificación, con rigor técnico e en coordinación coa Xunta para retirar pellets, tal e como ven facendo desde o pasado luns. O alcalde, Dani Vega, subliña que “Ribadeo foi o único Concello que actuou eliminando pellets”.
O rexedor asegura que “fronte aos que falan moito e fan pouco Ribadeo volve ser un exemplo. Nosoutros estamos actuando con planificación e con rigor, un traballo conxunto e de lealdade institucional, que outros parece que non o entenden ou non o queren entender para entrar nunha provocación constante e animar á polémica e a non dar solucións, non crer que as institucións están para resolver problemas e non para crealos”.
Vega indica que “Ribadeo volve traballar de xeito conxunto con todas as administracións, neste caso coa Xunta, pero o que nos estraña é que algúns queren polemizar porque estamos dentro dunha precampaña ou case xa nunha campaña electoral”.
Ao alcalde de Ribadeo parécelle “indignante que algún, que algunha, utilice as institucións para entrar nun discurso político, baixo a dirección do seu partido e da súa candidata, e non resolva absolutamente nada”.
Dani Vega lembra que “cando nos empezabamos o luns a actuar coa coordinación necesaria coa Xunta de Galicia, parece que para outros Concellos a contestación era que esperaban que se apuntasen voluntarios ou ían analizar cómo facer. E Ribadeo o luns ás oito da mañá xa estaba retirando pellets, seguimos con esa coordinación e activando un protocolo que o que fai é a revisión dos nosos areais todas as mañás e vendo como están tomamos as decisións. Si hai presenza de plásticos, de pellets, automaticamente actuamos, retirámolo co material adquirido polo Concello e de forma coordinada coa Xunta de Galicia”.
Para o rexedor “isto é o que facer. O resto é falar moito e facer absolutamente nada. Nos seguiremos baixo esa planificación e ese rigor técnico e colaborando e tendo esa lealdade institucional coa Xunta de Galicia”.