Ribadeo a contrapunto é a nova marca turística do Concello, que será presentada nun acto na Casa de Galicia o vindeiro 25 de xaneiro. A escritora e xornalista Sonsoles Ónega será a encargada de dar a coñecer os potenciais ribadenses. O alcalde, Dani Vega, presentou esta mañá no salón de plenos a campaña de promoción, xunto á concelleira de Turismo, Marta Saiz, e á presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez.
Concello e Acisa asistirán xuntos a Fitur 2024 con tres obxectivos: “evidenciar o potencial turístico de Ribadeo, expoñer as liñas estratéxicas que nos guían e mostrar as ferramentas que utilizaremos para consolidarnos como un dos piares turísticos do norte de Galicia. En Madrid presentaremos a nova campaña publicitaria, manteremos reunións e estableceremos contacto con diversos axentes turísticos e entidades relacionadas coa promoción do turismo”, segundo puxo de manifesto o alcalde, Daniel Vega.
A Casa de Galicia acollerá o 25 de xaneiro ás nove da noite a presentación da nova marca turística de Ribadeo: “que reflicte un Ribadeo con carácter propio marcado pola súa historia, tradición, cultura e xeografía. Unha forma diferente de coñecer Galicia, rompendo estereotipos e dando outra visión do que pode ser a nosa terra, pois Ribadeo baila con ritmo propio. No acto de presentación acompañaranos Sonsoles Ónega, periodista, presentadora de televisión e escritora, na actualidade conduce o programa televisivo Y Ahora Sonsoles. O seu amor por Galicia e Ribadeo converterana na mellor das anfitrioas”.
A imaxe que reflicte Ribadeo, a contrapunto é un metrómeno, un aparato que empregan os músicos para medir os tempos das súas composicións: “Ribadeo ten o seu ritmo propio, dinámico e constante. E niso queremos incidir”.
O rexedor explicou que “poñendo o toque culinario e representando a gastronomía ribadense uniranse ao acto os establecementos hostaleiros A Horta de San Roque, El Oviedo, La Solana e Ramonita. Todas e todos eles prepararán unha serie de petiscos baseados en produtos de proximidade”.
Vega indicou que “con esta nova campaña de comunicación, mostraremos que esta singularidade que nos caracteriza non é froito do azar, o noso territorio presenta grandes contrastes, infinidade de espazos, dende unha costa monumental ata unha ría de augas mansas, dende vales de interior ata os horizontes abertos da rasa, dende as aldeas tradicionais, ata a sofisticación cosmopolita das casas indianas. Mar e montaña, tradición e modernidade móstranse en harmonía nun destino vivo enriquecido pola súa oferta gastronómica, comercial e cultural, ben preparado para recibir visitantes”.
E engadiu: “somos conscientes de que debemos seguir traballando e avanzando como espazo turístico innovador, accesible para todas e todos, consolidado sobre unha infraestrutura tecnolóxica de vangarda que garanta o desenvolvemento sostible do territorio, que facilite a interacción e integración do visitante coa contorna e incremente a calidade da súa experiencia; e á súa vez, aumente a calidade de vida dos e das residentes”. O rexedor agradeceu o traballo realizado para a promoción turística por parte de todos os alcaldes e os gobernos municipais anteriores.
Iñaki Gazterumendi, consultor estratéxico do sector e fundador de Verne Tourism Experts, será o encargado de desenvolver o ambicioso Plan Estratéxico de Turismo que, durante os próximos 4 anos, acabará de consolidar a Ribadeo como un dos destinos vacacionais máis desexados.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, dixo que “Acisa acompañará un ano máis ao Concello na promoción turística que realizará en Madrid, na Casa de Galicia, a vindeira semana e participará nas reunións de traballo en Fitur co obxectivo común de atraer visitantes ao longo de todo o ano”.
Cruzado sinalou que “Ribadeo ten potenciais dabondo para mostrar a quen nos visite durante todo o ano. Temos costa e interior, temos mar, ría e monte; Ribadeo ten un pasado comercial, ilustrado e indiano espectacular… Ribadeo conta cuns produtos da horta incribles, a hostalería sempre está disposta a sorprender a quen se achega ata aquí con exquisitos peixes, mariscos e carnes. Temos hostalería tradicional e innovadora, temos un comercio referentes en toda a contorna. E estamos moi ben comunicados por autovía, e a tiro de pedra do aeroporto e do tren de alta velocidade da veciña Asturias”.