O Centro de Formación e Experimentación Agraria Pedro Murias e o Concello de Ribadeo organizan talleres de poda e enxertía de froiteiras e de reprodución de vexetativa de plantas ornamentais Os de poda e enxertía terán lugar en febreiro e o de plantas ornamentais en abril.
Os talleres de poda e froiteiras serán o 19 de febreiro en dúas quendas, unha pola mañá e outra tarde: de 9 a 14 horas e de 16:00 a 20:00 horas. Os talleres de enxertía de froiteiras terán lugar o 27 de febreiro, tamén en dúas quendas, mañá e tarde e os mesmos horarios. E o de reprodución vexetativa de plantas ornamentais está previsto para o 2 de abril nunha soa quenda de 9 a 14 horas.
Na súa intervención o director do Centro de Formación e Experimentación Agraria Pedro Murias, Manuel Valín, subliñou “a colaboración que estamos tendo e que imos ter nun futuro moi próximo con Asvinor (Asociación de Viveristas del Noroeste), na figura do seu xerente técnico, Santiago Ramos Rodríguez. Os de Asvinor son os que van impartir os obradoiros, o que é unha garantía, e parécenos que esa e a liña de traballo”. E adiantou que “temos en carteira para o segundo trimestre deste ano unha actividade na que temos moita ilusión e coa que pretendemos que xurda, se é posible, unha pequena cooperativa ou alguén que se faga autónomo e se poida dedicar ao tema das plantas ornamentais. É dentro da formación continua, non vai ser un obradoiro senón unha boa cantidade de horas de formación sobre plantas ornamentais, o que é novo nesta zona e neste centro”.
Valín agradeceu a colaboración do Concello de Ribadeo, coa que agarda seguir contando: “pola miña parte quero pedirlle ao Concello que siga colaborando con nós; ademais ten moito que ver con Pedro Murias porque de feito hai un padroado que seguro que nalgún momento se volverá reactivar e o presidente é o alcalde de Ribadeo. Paréceme moi interesante que as instalacións que temos aquí as aproveitemos para este tipo de actividades de formación continua, o que nos parece fundamental”.
Paula Fernández, técnica en Pedro Murias, sinalou que “como ben di o director, estes pequenos talleres, tanto de froiteiras de poda como de enxertía e de acodos ou porbaixa, é un inicio e unha toma de contacto coa xente da zona para que aprendan un pouco ou, se xa saben, complementen máis a formación por parte dunha persoa técnica moi cualificada e experimentada, como é Santiago, de Asvinor. Son talleres curtos: de poda de froiteiras en dúas edicións, unha á mañá e outra pola tarde; a enxertía, o mesmo; e o de acodos será unha única sesión”.
Pola súa banda, o alcalde, Daniel Vega, subliñou a importancia da formación que se vai impartir no Centro de Formación e Experimentación Agraria Pedro Murias, así como a mellora que precisan esa instalación. O rexedor tamén se referiu ao padroado: “non pode ser que o padroado o formen institucións que xa non existen ou cargos que non ten moi sentido que estean dentro del. Agora imos renovalo e a partir de aí vamos seguir traballando. Hai que mellorar as instalacións. Temos propostas tamén para vir para Pedro Murias. Estamos traballando coa dirección do centro, con pouso, con pensamento, cunha visión técnica e sempre entendendo que Pedro Murias ten ese espírito fundacional, que é a agricultura, promover o espazo rural e tamén o sector primario. Polo tanto desde aí podemos abrir o abanico”.
O rexedor cre que “hai que aproveitar todas estas instalacións e o Concello está para axudar. Iso sábeo perfectamente o centro e tamén as asociacións, que hai poucos días estaban aquí, como as de mulleres rurais ou as de amas de casa, facendo actividade, que tamén é formativa. E temos moitas ganas de facer moitas máis cousas”.