O Concello de Ribadeo denunciou este martes que se produciu “un novo vertido de lixiviados ao Río Grande”, unha das captacións de auga das que se abastece a poboación ribadense.
O alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, expón que o vertido “ocasionou un forte cheiro na auga da traída”, aínda que matiza que a calidade “cumpre a día de hoxe cos parámetros que se establecen no real decreto 140/2003”.
O rexedor explica que a concesionaria, Viaqua, “procedeu ao baleirado dos depósitos da auga e agarda que a situación se normalice o antes posible”.
OCORRE “CADA POUCO”
O alcalde ribadense lamenta esta situación ocorre “cada pouco tempo” e achaca o vertido á Cooperativa Os Irmandiños, no concello de Barreiros, que é “onde nos parece que está a orixe”.
Suárez Barcia lamenta que “hai varios anos que vimos soportando esta desgraza”, e insta ás administracións a nivel autonómico e estatal a “velar para que isto non ocorra. Os Concellos non somos responsables dos vertidos aos ríos que son usados pola poboación para beber”, indica.
REQUERIMENTOS
Así, o Concello enviou requerimentos e advertencias de denuncia á Confederación Hidrográfica do Cantábrico, a Augas de Galicia, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, á Consellería de Sanidade, ao Seprona, ao Concello de Barreiros e á propia cooperativa.