Cunha cita de Castelao e Sés, o alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, posicionouse este xoves nas redes sociais a prol dunha candidatura galeguista para as eleccións xerais de 2019.
“Para que remate esta vergoña, desas serpes e cans que nos queren calar”. Así xustificou o rexedor ribadense o seu apoio a unha iniciativa en Change.org, da Asemblea Nacional Galega, para que Bloque Nacionalista Galego (BNG), Compromiso por Galicia (CxG) e En Marea formen unha candidatura conxunta para as eleccións xerais.
A medidados do pasado mes de febreiro, CxG propuxo a creación dunha roga de partidos para concorrer aos comicios de maio.
Lee este comentario, y firma la petición. Parafraseando a Castelao e a Sés: Para que remate esta vergoña, desas serpes e cans que nos queren calar. https://t.co/xmBNbOSjKt vía @change_es
— Fernando Suárez (@FSuarezRibadeo) February 28, 2019
Tralas discrepancias entre a dirección de En Marea e o sector crítico e a ruptura con Podemos, o partido que encabeza Luís Villares mostrou a súa intención de concorrer en solitario ás eleccións.
Aínda que do último Consello Nacional da formación non saíu ningún pronunciamento ao respecto, o BNG tampouco aceptará a proposta. O secretario xeral de CxG, Juan Carlos Piñeiro, deu por descartada a posibilidade este venres e, en declaracións a Efe, criticou o “egoísmo político” de En Marea e dos nacionalistas.
ELECCIÓNS MUNICIPAIS
Así, o alcalde de Ribadeo posicionouse contra a liña que mantén a dirección do partido, coa que nos últimos anos mantivo unha certa distancia, malia ser un dos alcaldes con maior respaldo electoral do partido nacionalista.
Aínda que a incógnita se despexará en breve, non trascendeu aínda se o alcalde ribadense se presentará ás eleccións municipais e se concorrerá baixo o paraugas do BNG, co que goberna en Ribadeo desde 2007.