InicioCulturaOliver Laxe: "queremos traballar para que o rural viva e siga sendo...

Oliver Laxe: “queremos traballar para que o rural viva e siga sendo o lugar que nos ensina as cousas”

Centos de escolares de Ribadeo participaron nun coloquio co cineasta tras ver 'O que arde', que se proxectará para o público xeral o vindeiro xoves

Publicada o

- Advertisement -

O cineasta Oliver Laxe participou ese martes nun coloquio en Ribadeo trala proxección da súa última película, O que arde‘, premiada nos festivais de Cannes e de San Sebastián.

O filme proxectouse nas dúas salas de cine ribadenses. Aos pases asistiron alumnado e profesorado do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, do CIFP Porta da Auga e dos colexios Sagrado Corazón e Gregorio Sanz, ademais de usuarios do centro de día.

Ao remate, Laxe respondeu ás preguntas que lle fixeron os asistentes nun diálogo no que o cineasta parisino tamén preguntou aos espectadores.

Nacido en París aínda que a súa familia, emigrante a Francia, procede de Navia de Suarna, Laxe explicou que “íamos todos os veráns á aldea, e lembro ir moito a esa casa que era a máis alta, a única onde se captaba a televisión. Teño ganas de pelexar por ese lugar. Agora mesmo non vive ninguén, pero estou con proxectos de desenvolvemento rural, imos facer unha escola de cine e agricultura ecolóxica. Queremos traballar para que o rural viva e siga sendo un espazo que nos ensine as cousas, que nos fai medrar”, expuxo.

“NAS PELÍCULAS FÁLASE DEMASIADO, AS IMAXES TEÑEN QUE IR AO CORAZÓN”

Os rapaces tamén quixeron saber por qué un día decidiu ser director de cine. “Para min era unha maneira de escaparme, de imaxinar. Creo que o cine é a arte das imaxes, hoxe na televisión falan demasiado nas películas, non é cinema, que comunica coas miradas, cos silencios. As imaxes que vemos impactan no voso corpo, hai unha relación de misterio que non pasa pola cabeza, senón polo corazón, e é un pouco o que intento explorar”, concluíu.

“BENEDICTA OFENDÍASE SE LLE DABAS A MAN PARA ANDAR”

Preguntado sobre Benedicta Sánchez, a protagonista de ‘O que arde’ aos seus 84 anos, Laxe asegurou que “grazas a esta película puiden coñecela ou tamén a Amador, que son fabulosos. Ela é incrible, vistes a enerxía que ten e como camiña no monte. É unha mestra, aprendemos moitísimo dela, é unha xoia, dábaslle a man para camiñar no campo e ofendíase. Ogallá cheguemos á súa idade con esa dignidade que ten ela”, salientou.

Coloquio de Laxe cos estudantes ribadenses. AXM

NORMALIZAR O CINEMA GALEGO NAS SALAS

A concelleira de cultura de Ribadeo, Pilar Otero, remarcou que “aínda que non estaba previsto que ‘O que arde’ estivese nas salas de Ribadeo, tivemos o empeño en traela ao igual que ocorreu noutras ocasións con ‘A Esmorga‘ e ‘Sicixia, de Ignacio Vilar, xa que o que pretendemos é que o cinema galego teña unha presenza normal na carteleira que poden ver os ribadenses”.

NOVOS PASES EN VIVEIRO

O pase de ‘O que arde’ para todo o público será o xoves, 17 de outubro, ás 20.30 horas en Cine Ribadeo. En Cines Viveiro, onde se proxectou o pasado sábado, os promotores da sala decidiron habilitar novos pases trala boa acollida da sesión única. Serán o venres (22.30) e o sábado e o domingo (17.30 horas).

MÁIS DE 11.000 ESPECTADORES NUNHA FIN DE SEMANA

A película de Laxe congregou a máis de 11.000 espectadores en Galicia na súa fin de semana de estrea en versión orixinal, en 49 salas do Estado, segundo os datos da distribuidora NUMAX.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...