A Concellaría de Servizos Sociais de Ribadeo puxo en marcha un novo programa para aquelas persoas, maiores de 65 anos, que vivan soas e que non teñan familia coa que pasar as ceas de Noiteboa e Fin de Ano. A través desta iniciativa esas persoas poderán compartir esas datas cos residentes do Centro de Atención a Persoas Maiores, a nova residencia. Os interesados poden anotarse antes das 14.00 horas do vindeiro xoves, 19 de decembro, nos servizos sociais municipais.
A concelleira responsable, Mónica Freire Rancaño, comentou que “desde a Área de Servizos Sociais Municipais queremos poñer en marcha un novo programa dirixido a aquelas persoas maiores de 65 anos que vivan soas e que non teñan familia coa que estar nas ceas de Noiteboa e Noitevella”.
A edil de Servizos Sociais engadiu que “todos os interesados que queiran participar nestas dúas comidas deberán poñerse en contacto cos Servizos Sociais Municipais antes das dúas da tarde do día 19 de decembro, xoves, ou a través do teléfono 982.12.08.08”.