A Xunta pavimentará o acceso e a extensión de Mirasol

A Consellería do Mar prevé investir 60.000 euros nas obras de mellora do peirao comercial de Ribadeo, que comezarán en xuño

José Juan Durán, no centro, durante unha visita ao peirao comercial de Mirasol. CONSELLERÍA DO MAR

A Consellería do Mar ten previsto acometer obras de mellora do pavimento no muelle de Mirasol, no municipio de Ribadeo. Así o asegurou o presidente da entidade autonómica Portos de Galicia, José Juan Durán, nunha visita ao peirao ribadense.

O Goberno galego pretende mellorar a seguridade vial no acceso e extensión do muelle, onde hai fochancas polo impacto do tránsito pesado. Durán afirmou que o organismo portuario pavimentará o firme tanto na zona de entrada ao peirao, o treito previo ás barreiras de seguridade, como ao longo da parte de carga e descarga de mercancías, maioritariamente celulosa.

Primeiro acometerase o fresado da capa de base, para despois proceder ao afirmado cunha cobertura de mestura en quente. O representante de Portos de Galicia explicou que, para realizar esta obra, será necesario desmontar as barreiras de acceso ao código PBIP -de seguridade internacional dos peiraos comerciais- e levantar os rexistros de saneamento até a nova cuota de rasante.

Os traballos, segundo a previsión do ente autonómico, comezarán no vindeiro mes de xuño, unha época que coincide cun decrecemento na intensidade do traballo no porto, especialmente na extensión de carga e descarga de mercancías. Portos de Galicia vai investir na obra un total de 60.000 euros.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here