Tralas críticas do PP ribadense pola “lamentable falla de medios técnicos” que desluciu o día do pregón das festas patronais, o concelleiro de cultura de Ribadeo, Farruco Graña, explicou que se deberon “a un foco que fixo masa e ocasionou que a corrente eléctrica non chegase a diferentes zonas do inmoble”.
O edil lembrou que “todo foi probado con anterioridade á celebración do pregón, en dúas ocasións”, e pediu “desculpas polo sucedido á comisión de festas, ao pregoeiro, á coral e ao pobo de Ribadeo”. O concelleiro aproveitou para abrir o debate acerca dunha reforma da instalación.
o edil de cultura insta á sociedade propietaria, goberno local, xunta e executivo central a abordar a cuestión
“É a ocasión para reflexionar sobre a necesidade de afrontar cambios e unha reforma integral no Teatro de Ribadeo. A Sociedade Filantrópica –propietaria do local-, o Concello, a Xunta de Galicia e o Goberno central deberían sentarse a abordar esta cuestión”, asegurou. “É un edificio emblemático, segue estando aí e estará aí, pero sería realista recoñecer que falamos dunhas instalacións que necesitan unha reforma a fondo”, concluíu.
BANDA DE GAITAS DE OURENSE
A Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense actuará o vindeiro sábado, 8 de setembro, no Cantón dos Moreno, dentro da programación das patronais. Será desde as 11.00 horas, nunha actuación financiada pola Xunta de Galicia.