Para aqueles que se odian empregamos a frase feita “levarse como o can e o gato”, pero a natureza dá constantemente, para quen sabe mirar, mostras de xenerosidade.
NUNCA FOI NAI
Nas últimas semanas demostrouno en Ribadeo, onde unha cadela que nunca foi nai, Lúa, amamanta a un gato, Orión, que atoparon abandoado.
O propietario de Lúa, Fernando Sobredo, sorpréndese pola tenrura coa que a súa mascota coida da cría, e pola súa capacidade para facelo. Pero a habilidade tamén resulta novidosa para un experto na materia como Juan Luis Amor, veterinario da clínica Anima Mundi.
AS GATAS REXEITARON A CRÍA
Sobredo, natural de Villafranca del Bierzo, sinala que un amigo atopou a cría en moi mal estado. Tentou introducila entre as súas gatas, que non aceptaron ao novo inquilino. Daquela, a cadela comezou a amamantar a Orión e a coidalo como se fose seu.
O VETERINARIO PENSOU QUE ERA “ALGO PATOLÓXICO”
Amor resalta que ao principio pensou que podía ser un problema patolóxico e prexudicar á cadela, pero “logo dímonos conta de que estaba a pasar algo moi especial”, sinala.
“Un animal estaba a cambiar o seu metabolismo para dar leite a outro individuo que non é da súa especie”, subliña. O veterinario conclúe que se trata “dun milagre da natureza”.