O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, destacou o “importante esforzo económico” que está a facer o Concello para reforzar o persoal para a tempada estival. En total son 40 os empregos que se ofertan, entre os que se atopan guías turísticos, socorristas, técnicos sanitarios e operarios de medio ambiente.
O rexedor ribadense confía en que, “con todas as medidas de seguridade sanitarias e que vaia por diante todo isto, podamos con todo ter un bo verán en Ribadeo”. “Para isto debemos estar máis preparados que nunca, por iso é polo que esteamos neste momento facendo o maior reforzo de persoal que se fixo nunca”, anunciou Suárez Barcia.
As prazas ofertadas son un chofer de medio ambiente, un celador de inmobles escolares, cinco guías ou informadores turísticos, dous peóns de medio ambiente e servizos múltiples, nove operarios de medio ambiente, un avogado para o Centro de Información á Muller (CIM), 18 socorristas, tres técnicos sanitarios, un técnico de dinamización económica, dous peóns de medio ambiente, un técnico de medio rural e un auxiliar electricista.