O alcalde, Fernando Suárez, dixo non saír do asombro despois de que o PP acusase ao goberno municipal “de andar poñendo adhesivos con bandeiras galegas nos accesos á praia das Catedrais”. Suárez Barcia considera que puideron ser os populares os que colocaran esas pegatinas “para dar que falar e crear outra nova polémica”.
Nun comunicado, o rexedor subliñou que sempre foi moi coidadoso co patrimonio público “e a nosa misión é conservalo e promocionalo. Nunca fun moito de andar en algaradas” e engadiu que o seu equipo “está para traballar e non para enredar”.
“Non saio do asombro. Agora o PP local acúsanos de andar poñendo adhesivos con bandeiras galegas nos accesos á praia das Catedrais. Eu penso que, como alcalde xa levo catorce anos, sempre fun e son moi coidadoso co patrimonio público e a nosa misión é conservalo e promocionalo. Nunca fun moito de andar en algaradas”, indicou.
ACUSACIÓNS AO PP
Por iso, sinalou directamente aos populares. “Eu máis ben penso que quen puido poñer esas bandeiras foron precisamente eles para dar que falar e crear outra nova polémica, que é o que fai o señor voceiro do PP, que parece ser que non lle dan moito choio como deputado en Santiago e polo tanto acaba enredando aquí en Ribadeo e sen non hai problemas, pois créaos e xa ten de que falar, así de simple”.
“Eu e os meus compañeiros e as miñas compañeiras de goberno estivemos afanados, toda a fin de semana, traballando, apoiando, coordinando e colaborando cunha chea de eventos deportivos e culturais que houbo en Ribadeo, piragüismo, actividades de voluntariado medioambiental, baloncesto, etc…, que trouxeron a centos de persoas a Ribadeo… Nós para iso estamos aquí, para traballar e non para enredar. E así habemos seguir”, concluíu.