Ribadeo xa ten o seu catálogo de produtos propios para os turistas do Camiño. O parque de San Francisco acolleu esta mañá a presentación de «Ribadeo, prepara o teu camiño», un catálogo interactivo de servizos para o peregrino no que participan medio cento de empresas locais. No acto compareceron o alcalde, Fernando Suárez, e o concelleiro de Turismo, Pablo Vizoso. E asistiron representantes das firmas adheridas, que se converten en Establecementos amigables co peregrino. Grazas ás novas tecnoloxías os camiñantes poderán selar as súas credenciais cos seus dispositivos móbiles.
Vizoso Galdo explicou que este proxecto, que naceu hai uns meses promovido polo concello, forma parte doutro proxecto, o obradoiro Ribadeo Alén do Camiño. Neste sentido, destacou que o Xacobeo 2021, ampliado ao 2022, vai constituír “unha oportunidade marabillosa e excepcional, de gran repercusión internacional, para poñer en valor as nosas costumes, a nosa forma de ser, a nosa paisaxe, pero tamén o noso bo saber e o noso oficio”.
Tamén salientou que o Camiño Norte a Santiago, que foi declarado pola Unesco Patrimonio da Humanidade hai uns anos, ten en Ribadeo un dos puntos significativos do seu percorrido porque “é a porta norte desde camiño, é a entrada en Galicia do Camiño do Norte cara a Compostela”. E, finalmente, salientou que se trata dun camiño en crecemento constante porque esta ruta é a terceira en importancia, tanto só por detrás do Camiño Francés e do Camiño Portugués, e que o perfil do novo peregrino é máis dixital. “Por iso sabíamos que había que estar nese ámbito, en internet e nas novas tecnoloxías, dar a información directa e especial que busca o peregrino nunha web ben posicionada”, indicou.
PORTAL INTERACTIVO
Ribadeo prepara o teu Camiño é un portal interactivo, accesible a través dun sistema web, onde aparece información detallada de cada un dos establecementos, os datos de contacto, os produtos que ofrecen e tamén información moi particularizada desa gama de produtos específicos e pensados especialmente para o peregrino.
Pola súa banda, o alcalde, Fernando Súarez, manifestou que o obxectivo é “vender o mellor” de Ribadeo. “Hoxe estamos aquí polo Camiño de Santiago, mañá estaremos por outras cousas porque Ribadeo ten moito que vender e é un punto obrigado de chegada, de partida, de paso e de encontro, iso por riba de todo”, salientou.
CRÍTICAS DO PP
Esta iniciativa colleitou as críticas do PP que denunciou a presentación deste portal web para o Camiño cando “puxo cero euros” en axudas directas para o tecido económico da vila. O voceiro popular, Daniel Veiga, indicou que lle sorprende que os nacionalistas convocasen á hostalería, xa que o Concello non fixo ningunha aportación para contribuír á recuperación económica.