OPINIÓN: Por Nuestro Faro saúda a iniciativa de Ecoloxistas en Acción

Este colectivo amosa a súa opinión sobre a decisión de Ecoloxistas en Acción de denunciar diante da Fiscalía do Xulgado de Lugo a falla de Estudo de Impacto Ambiental na concesión do faro da Illa Pancha.

Faro de Illa Pancha. AXM

Como saben os lectores, o colectivo POR NUESTRO FARO ven denunciando dende mediados de 2015 a privatización do Faro e da Illa Pancha, promovida polo Ministerio de Fomento e apoiada sen folgos polo Concello de Ribadeo. Ainda mais temos posto negro sobre branco moitas irregularidades (presuntas) deste proxecto con escaso éxito pola negativa das autoridades competentes. No outono de 2020 entramos en contacto con Ecoloxistas en Acción que agora ven de denunciar diante da Fiscalía do Xulgado de Lugo a falla de Estudo de Impacto Ambiental na concesión do faro da Illa Pancha para a explotación privada de dous apartamentos turísticos. Lembremos os feitos mais salientables.

En decembro de 2013 o Ministerio de Fomento do goberno de Mariano Rajoy puxo en circulación o programa Faros de España. Baixo un discurso desenrolista pretendíase privatizar unha gran parte dos faros de señais marítimas das costas españolas. Pasados sete anos e medio o saldo non pode ser mais ridículo: dous faros funcionando como servizos de hostelería e non se sabe cantos cartos gastados en publicidade, festas, etc.

Pouco tempo despois anunciouse no BOE a solicitude dunha empresa privada para explotar o faro de Ribadeo, pero o asunto pasou desapercibido grazas ao agochamento propicidado polo concello. Xa no 2015 o Sr. Alcalde declaraba ao diario El Pais que era “un premio para Ribadeo”, ou sexa un emporio turístico que nos iba deixar encantados. Esa foi a primeira “información” pública e poucos días despois formouse o COLECTIVO POR NUESTRO FARO, que axiña acadou mais de 700 apoios (o 95 % xente de ou vinculada a Ribadeo) sen contar as mais de 1600 sinaturas recollidas naqueles días. O 30 de xuño do mesmo ano a Autoridade Portuaria aprobou o proxecto de apartamentos e cafetería e a concesión por vía directa, ou sexa sen concurso público.

En maio de 2016 o colectivo POR NUESTRO FARO denunciou a falla de Estudo de Impacto Ambiental diante do Defensor del Pueblo, despois de asesorarse ca Sociedade Española de Ornitoloxia (SEO-BIRD LIFE) e despois de publicitalo e informar ao concello, que non se deu por aludido. O 16 de febreiro de 2017 a Oficina do Defensor remitiu un amplo informe xurídico a todos os actores do programa comunicándolles que se incumpría o art 7.2 da lei de Avaliación Ambiental 21/2013 de 9 de decembro, que esixía sen ningún xénero de dúbidas a realización de E.I.A. Simplificado para proxectos de este tipo. Sin embargo o Concello de Ribadeo e a Autoridade Portuaria botáronse a andanas porque había que sacar adiante como fose o único proxecto do famoso Programa Faros de España. O día 1 de decembro de 2017 o concello concedeu a licencia de actividade para os apartamentos ca condición, incumprida ate hoxe, de que a porta de acceso á illa estivese aberta aos veciños e visitantes. (Aquí habería que facer un inciso para analizar en que beneficiou ao turismo e á economía de Ribadeo, nestes tres anos e medio, o “premio” que auspiciaba o Sr. Alcalde en maio de 2015).

Como antes dixemos no outono de 2020 entramos en contacto con Ecoloxistas en Acción, estudaron a documentación e puxeron en marcha os trámites preceptivos ata levar a denuncia á Fiscalía de Lugo. Insistimos en que todos os pasos foron anunciados de xeito público e notificados ao concello sen que houbese unha resposta ou polo menos unha reacción de análise ou dúbida sobre as consecuencias que poderían derivarse.

Convén suliñar aquí que Ecoloxistas en Acción é unha das organizacións ecoloxistas mais potentes do estado español, con importantes contactos internacionais, cunha gran experiencia en temas deste tipo, que se apoia en unha estrutura apartidista con equipos de asesores xurídicos acreditados e que ven de gañar un pleito con algunhas similitudes co noso caso, en Extremadura, despois dun longo proceso de varios anos. Calquera pode entender que un grupo deste tipo non se implica en calquera chilindraina se non aprecia que existe unha xustificación xurídica potente e que están en xogo intereses xerais, mesmo de ámbito europeo, na defensa dos valores medioambientais consolidados na sociedade actual.

Pola nosa banda temos que poñer no primeiro plano, unha vez máis, que o obxectivo do noso grupo é loitar contra a privatización do Faro e da Illa Pancha, por consideralo un ben común dos ribadenses, e sexa cal sexa o resultado deste procedemento xudicial seguiremos adiante ata conseguiro uso público do mesmo, debendo constatar que, pese ao tempo trascorrido, os  apoios que recibimos tanto en Ribadeo como fóra son cada vez maiores.

COLECTIVO POR NUESTRO FARO

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here