Os comerciantes piden “moita prudencia” esta fin de semana do Ribadeo Indiano a pesar da súa cancelación

ACISA lembra que decidiuse suspender a festa para evitar un descontrol nas rúas, aglomeracións, botellóns, festas descontroladas ou reunións excesivas en domicilios.

Ribadeo Indiano. DEPUTACIÓN DE LUGO

A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos (ACISA) ribadense pide especial prudencia a veciños e visitantes do municipio esta fin de semana, na que se celebraría o Ribadeo Indiano, e que se suspendeu debido á pandemia. A patronal local, como coorganizadora do evento xunto ao Concello de Ribadeo, solicita “moita precaución para evitar que haxa unha alza nos contaxios de Covid-19“.

O presidente de ACISA Ribadeo, Francisco Iriarte, explica que “tomar a decisión de anular o Ribadeo Indiano non foi nada fácil, nin para o Concello nin para nós, pero cada vez estamos máis convencidos de que foi a decisión máis acertada”.

“Todos sabemos o importante que é o Ribadeo Indiano para a nosa economía, e especialmente nós, a asociación de comerciantes e hostaleiros, pero a actual situación non se achega a ser minimamente óptima para realizalo”, indicou. Precisamente, na última semana os casos duplicáronse en Galicia e a tamén están crecendo os casos na Mariña, especialmente, nos concellos costeiros.

EVITAR DESCONTROIS NAS RÚAS

Desde ACISA lembran que, precisamente, esta decisión tomouse para evitar un descontrol nas rúas, aglomeracións, botellóns, festas descontroladas ou reunións excesivas en domicilios. “Pero non cancelamos o evento para dar pé a actitudes incívicas e irresponsables en contornas privadas ou públicas, que nos poidan levar, como está a suceder noutros lugares, a ter que sufrir novas restricións”, indica.

Por iso, Francisco Iriarte, convida a vestirse de indiano aos veciños porque “non fai dano a ninguén”, igual que tomar algo na hostalería ou facer unha comida nun restaurante “de forma controlada e cumprindo escrupulosamente as normas”.

O xerente de ACISA, Jesús Pérez, fixo un chamamento aos mozos. “ Teño 27 anos e encantaríame poder celebrar como faciamos sempre o Ribadeo Indiano, pero non é posible. Os menores de 40 anos estamos case todos sen vacinar e ata que non o fagan, non somos inmunes ao virus se non que somos un factor de risco, por ser potenciais contaxiadores”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here