A corporación local de Ribadeo acordou por unanimidade, nun pleno ordinario, deixar sen efecto o acordo do Concello polo que se nomeou Alcalde Honorario da localidade mariñá ao ditador Francisco Franco, no ano 1939.
O alcalde da localidade explicou, en declaracións aos medios de comunicación, que a recente publicación dun libro sobre A Mariña lembrou que Franco foi nomeado Alcalde Honorario de Ribadeo no ano 1939.
Despois de confirmar ese extremo mediante a comprobación das propias actas do Concello, precisou o rexedor, o goberno local tomou a decisión de levar a pleno a retirada dese recoñecemento, en cumprimento da Lei de Memoria Histórica. Ese recoñecemento, precisou o alcalde, é unha “exaltación do ditador” e, por tanto, debía ser retirado.