Dous residentes do Centro de Atención a Maiores de Ribadeo deron positivo por Covid-19 tras ser enviada ao Hospital da Costa unha usuaria do mesmo, a cal estaba contaxiada segundo confirmouse ao ser ingresada.
Segundo informou a Deputación de Lugo, unha persoa usuaria do Centro de Atención a Maiores de Ribadeo foi derivada este domingo pasado ao Hospital da Costa como consecuencia da “mala evolución das patoloxías previas que padecía”.
Unha vez no centro hospitalario, e tal como establecen os protocolos sanitarios, realizouse unha proba de antíxenos de detección de Covid-19 que resultou ser positiva.
Por iso, destaca a institución provincial, “con carácter inmediato, a Deputación de Lugo procedeu a someter a probas de antíxenos ao resto da comunidade da residencia (usuarios e traballadores), onde se detectaron dous residentes positivos, que “permanecen asintomáticos e tranquilos”, engade.
“Seguindo os estritos protocolos que se mantiveron ata o momento, estas persoas atópanse illadas nas súas habitacións”, engade a Deputación lucense.
Ademais, na mañá deste luns as autoridades sanitarias procederon á realización das correspondentes PCR e a institución provincial “está pendente dos resultados”, abundou. No caso de confirmarse os positivos, matiza, “todo parece apuntar a que o contaxio podería estar relacionado cunha visita externa”.
“RESPOSTA INMEDIATA”
A Deputación de Lugo destaca a súa “política de máxima transparencia e de resposta inmediata con cribados ante calquera caso positivo ou sospeitoso de selo para protexer a saúde dos traballadores da institución, así como dos usuarios dos servizos públicos que ofrece” e das persoas que “accedan ás dependencias provinciais”, agrega.
Con todo, a institución provincial garante “a continuidade e a normalidade na prestación dos servizos”.