O goberno municipal de Ribadeo proxecta a construción dunha grande superficie multideporte e de lecer para a mocidade. Estará situada na mazá interior entre a Avenida de Galiza, a rúa Pintor Fierros e a rúa Daniel Cortezón, segundo anunciou este luns o alcalde, Fernando Suárez.
A nova superficie multideporte contará cunha pista multideporte para fútbol, baloncesto e voleibol, outra pista deskate e máis un circuíto de calistenia e o seu investimento ascenderá a 400.000 euros, dos que a Área de Deportes da Deputación de Lugo aportará 340.000 e o resto serán fondos do Concello.
“Sabemos desde o goberno municipal as carencias que ten Ribadeo de lugares públicos para o lecer e para o recreo da xente moza deste concello”, dixo o rexedor recoñecendo que adoece desde sempre de “algo destinado a pasar un pedazo cos amigos e coas amigas xogando unha pachanga, tirando unhas canastras, practicando algo de voleibol, facendo algo de ximnasia ou incluso practicando outros novos deportes como oskate”.
“Queremos construír unha grande superficie multideporte e de lecer: unha pista multideporte para fútbol, baloncesto e voleibol, outra pista deskate e máis un circuíto de calistenia. E todo isto complementado con dotacións para estar sentados, de tertulia, rodeados de árbores, con iluminación, etc”, sinalou.
Pola súa banda, o deputado de Deportes Efrén Castro sinalou o compromiso da Vicepresidencia da Deputación de Lugo cos Concellos, neste caso para ampliar a dotación de infraestruturas deportivas.