Acisa anima a mercar en Ribadeo durante o presente mes de agosto na campaña deste verán de 2021. A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos quere que a xente os siga visitando, porque “é un lugar seguro”. “Queremos que a xente veña, que merque, que saboree a exquisita gastronomía desta zona, que pasee e que coñeza o noso comercio, que é un referente en toda a contorna e queremos que se mergullan no patrimonio histórico, cultural e natural do noso concello, que ten costa e interior, que ten mar e montaña, que ten ría, natureza…”, explicou o presidente de Acisa, Francisco Iriarte, que presentou a campaña xunto ao xerente da asociación, Jesús Pérez.
Ambos insistiron en que Ribadeo é un importante destino de compras e de ocio e en que son “un grande centro comercial ao aire libre”. “Queremos que todos os visitantes coñezan os nosos potenciais comerciais e turísticos, iso si con prudencia e cumprindo coa normativa en vigor en cada momento”, indicou.
Iriarte Quintana tamén salientou a mellora na situación epidemiolóxica de Ribadeo onde, dixo, os casos positivos están baixando “e todo parece indicar nos atopamos nunha situación mellor que a de hai unha semana”. “Estamos tamén mellor que outras zonas da comarca, que por desgraza están sendo golpeadas con mais foza nesta quinta baga”, sinalou.
CRÍTICAS Á XUNTA
Pola súa banda o xerente de Acisa, Jesús Pérez, fixo un chamamento á Xunta de Galicia para que teña en conta o dano económico que está a ocasionar esta situación. “Seguimos denunciando os problemas que lles están a ocasionar aos hostaleiros estas medias restritivas, perdendo moitos clientes e tendo que sufrir agresións verbais, criticas en webs turísticas… por culpa dunhas normas aleatorias, no sentido de que nuns concellos aplícanse e noutros non”, criticou.
Tamén desde Acisa, presidente e xerente fan unha chamada de atención e piden a todos os negocios que cumpran coas normativas en vigor en cada momento, xa que de non ser así poden ser obxecto de importantes sancións. “Temos que destacar que os socios de Acisa cumpren escrupulosamente coas normas, quizais porque as coñecen á perfección grazas ao noso asesoramento ou simplemente por responsabilidade”, destacaron ao tempo que lembraron que as normas non as pon Acisa Ribadeo, senón que son competencia da Xunta e non das asociacións empresariais”.