InicioDeportesRibadeo recibe á deportista Nerea Lago despois de levar a medalla de...

Ribadeo recibe á deportista Nerea Lago despois de levar a medalla de prata no campionato de España de Remo

A palista tamén quedou quinta nas probas do campionato do mundo celebrado en Bulgaria.

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Ribadeo ofreceu unha recepción á deportista Nerea Lago despois acadar a medalla de prata no Campionato de España de Remo Olímpico celebrado en Vitoria, ademais de quedar quinta no Campionato do Mundo que tivo lugar en Bulgaria.

O alcalde en funcións, Pablo Vizoso, resaltou que “hoxe estamos moi orgullosos, de recibir a esta deportista neste salón de plenos, aínda que non lle cause novidade porque non é a primeira vez que a recibimos nun acto similar”. Vizoso sinalou estar certo de que Nerea Lago seguirá “vindo a este salón de plenos con novos obxectivos acadados”.

O rexedor subliñou que “Nerea ten un palmarés cheo de medallas e un gran futuro por diante, froito do compromiso, da entrega e deses madrugóns, e iso ao final dá o seu premio”. Pablo Vizoso tamén agradeceu ao Club de Remo de Ribadeo “e a Nerea particularmente” ter situado Ribadeo “tan alto no mundo do deporte”. Tamén lle desexou á deportista que siga recollendo éxitos cada vez maiores “nesta etapa que vai iniciar e que poida vir de palista cargada cunha maleta chea de medallas”.

A concelleira de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra, sinalou que “é un orgullo para a Concellaría de Igualdade ter rapazas que destaquen non só no deporte senón tamén nos ámbitos educativo e profesional”. Álvarez destacou que o premio de Lago é un referente onde se poden mirar outras adolescentes, porque con “esforzo e vontade as cousas poden conseguirse”. Por último, a concelleira destacou que “debemos sentirnos moi orgullosos de que o nome de Ribadeo soe en Bulgaria, vai soar en París e en moitos outros sitios”.

O concelleiro de Deportes, Jorge Díaz, destacou que “queremos agradecer a Nerea o seu esforzo durante tantos anos. Gañou a pulso a oportunidade que ten agora de compatibilizar uns estudos cun deporte que lle gusta e máis nunha especialidade minoritaria e de carácter feminino”.

Nerea Lago dixo que “foron anos moi duros mais ao final, despois de madrugar, estudar e compaxinar todo, valeu a pena. Agora queda Sevilla e novos obxectivos. Moitas grazas ao meu adestrador, á miña familia e ao Concello”.A deportista recibiu unha figura elaborada pola Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña. No acto estiveron presentes os avós de Nerea Lago e o técnico municipal de Deportes, Iván López.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...