InicioOrientalRibadeoComezan en Ribadeo as obras do edificio multiusos de Cedofeita

Comezan en Ribadeo as obras do edificio multiusos de Cedofeita

Desde o goberno municipal sinalan que “a construción deste edificio multiusos reverterá na dinamización e na revitalización da parroquia, e mellorará tamén as condicións de uso do parque e da pista polideportiva descuberta situadas na mesma parcela”.

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Ribadeo anunciou o inicio das obras para a construción do edificio multiusos de Cedofeita. Os traballos comezaron hai uns días coa demolición do inmoble actual, a antiga escola unitaria da parroquia, cunha estrutura e cunha carpintería moi deterioradas polo paso do tempo.

Na actualidade están iniciándose os traballos de cimentación do novo edificio, unha construción de planta baixa, cunha superficie de 130 metros cadrados, situado no mesmo lugar da parcela. O espazo principal será unha sala multiusos de 90 metros cadrados, habilitada para actividades sociais e culturais. Contará tamén cun trasteiro, dous aseos, un deles adaptado para persoas con mobilidade reducida, e un soportal, que abrirá o edificio á zona de verde e de esparexemento que o rodea.

Desde o goberno municipal sinalan que “a construción deste edificio multiusos reverterá na dinamización e na revitalización da parroquia, e mellorará tamén as condicións de uso do parque e da pista polideportiva descuberta situadas na mesma parcela”.

O concelleiro de Medio Rural, Marcos Villamil, destacou que “con esta obra atendemos unha demanda dos veciños e veciñas da parroquia que mostraron un gran interese por mellorar o espazo no que desenvolvían a súa actividade comunitaria e seguimos a mellorar as infraestruturas e os servizos da zona rural do concello. Este tipo de espazos facilitan o encontro e a vida social, que son fundamentais para a calidade de vida das persoas, especialmente, para as de maior idade que poderán desfrutar aquí do seu tempo en compañía doutras”.

Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Pilar Otero, aludiu “ás posibilidades que o novo edificio ofrecerá para a realización das actividades promovidas pola veciñanza e tamén para as iniciativas culturais e lúdicas que impulsamos desde o Concello”.

As obras suporán un investimento de 138.000 euros, financiados a través dun convenio entre o Concello, que destina ao proxecto 40.000 de fondos propios, e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que achega 90.000euros.

Desde o equipo de goberno tamén se quixo facer fincapé no “esforzo económico que supón esta iniciativa, que se encadra dentro das actuacións que se veñen desenvolvendo para facilitar o acceso ao ocio e á cultura a toda a veciñanza, destacando que ao longo do ano, ofrecemos unha programación cultural, diversa e de calidade, tamén no rural, e somos conscientes de que levala a cabo require de espazos axeitados, como será este”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...