InicioOrientalRibadeoRibadeo acomete obras en Covelas asfaltando o camiño desde As Anzas a...

Ribadeo acomete obras en Covelas asfaltando o camiño desde As Anzas a Saa

O Concello colabora co I Torneo de Rugby 7 Inclusivo que se celebra mañá, sábado, no Campo de Outeiro na parroquia da Devesa. No evento participan 7 clubs mixtos galegos e asturianos.

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Ribadeo está a realizar obras en Covelas, no camiño que vai desde As Anzas a Saa, por Salcedo. O investimento ascende a 74.400 euros, dos que o Agader aporta 39.700 euros e o resto procede de fondos municipais.

O concelleiro de Obras, Marcos Villamil, contou que “nestes días estamos actuando intensamente na parroquia de Covelas, concretamente nun camiño municipal que estaba moi deteriorado”  en referencia ao viario que vai das Anzas a Saa, por Salcedo.

O edil ribadense explicou que “as obras que estamos a facer consisten en dotalo dun novo firme de aglomerado en quente, de corredores laterais, así como a limpeza de gabias e facer novas obras de fábrica e limpar as existentes onde sexa necesario e tamén a sinalización horizontal”.

Villamil indicou que “con este programa preténdese mellorar o estado dos camiños que dan acceso a distintos núcleos de poboación, a fincas agrícolas e máis a explotacións gandeiras e de horta”.

O concelleiro de Obras dixo que esta obra ten un orzamento de 74.400 euros e o seu financiamento está repartido entre o Concello de Ribadeo e máis o Agader, que aporta 39.700 euros repartidos en dúas anualidades, neste 2021 e no próximo 2022. “A cifra achegada non é para botar foguetes, pero toda axuda agradécese” declarou Villamil.

Marcos Villamil engadiu que “a obra estase a realizar por parte da empresa Desarrollos y Metas, S.L., por ser esta a mellor oferta do procedemento aberto de contratación pública que tivo lugar anteriormente”.

TORNEO DE RUGBY INCLUSIVO

O Concello colabora co I Torneo de Rugby 7 Inclusivo que se celebra mañá, sábado, no Campo de Outeiro na parroquia da Devesa. No evento participan 7 clubs mixtos galegos e asturianos.

O edil de Deportes, Jorge Díaz, explicou que “arredor de 80 xogadores e xogadoras de rugby inclusivo mixto daranse cita mañá a partir das tres da tarde no Campo de Outeiro (A Devesa, Ribadeo) para disputar o I Torneo de Rugby 7 Inclusivo”.

O concelleiro ribadense subliñou que “o Concello de Ribadeo, no seu afán de promover iniciativas que se adapten a todos os públicos, colabora co club BeOne Ribadeo Rugby poñendo a disposición as instalacións, carpas e outros material precisos para o bo desenvolvemento do torneo”. Díaz sinalou tamén que o club BeOne Ribadeo Rugby colabora na difusión do Rugby en Ribadeo participando nas escolas deportivas do Concello que oferta o rugby entre as súas actividades. O día 1 de outubro comezan as mesmas no Campo da Vía.

Díaz Freije apuntou tamén que “se trata do primeiro torneo destas características que se celebra en territorio galego e é un pracer que sexa na nosa vila, agardamos que non sexa o último”.

O edil destacou tamén “a importancia de traer a Ribadeo eventos deste calibre que, ademais de fomentar a inclusión de persoas con discapacidade no deporte, serven para promocionar os recursos turísticos e naturais e o patrimonio histórico, artístico e cultural do Concello de Ribadeo e da comarca da Mariña Oriental”.

Este primeiro torneo de rugby inclusivo na modalidade de rugby a 7 reunirá en Ribadeo a clubs galegos e asturianos, entre os que están: Colexio Fundación EDES (Tapia de Casariego, Asturias), Colexio Santa María del Naranco – Alter Vía (Oviedo, Asturias), Asociación Llanerense de Rugby (Llanera, Asturias), CRAT Coruña (A Coruña, Galicia), Clube de Rugby Fendetestas (As Pontes de García Rodríguez, A Coruña, Galicia), Muralla Rugby Club (Lugo, Galicia), e Club BeOne Ribadeo Rugby (Ribadeo, Lugo).

“O rugby inclusivo consiste na práctica deste deporte por persoas con e sen discapacidade intelectual. É altamente recomendable, tanto polo benestar físico e mental que conleva, como para mellorar a calidade de vida e a inclusión social de persoas con discapacidade”, explicou Daniel Sever, presidente do Club BeOne Ribadeo Rugby.

O concelleiro de Deportes engadiu: “é un orgullo ver cómo Ribadeo fomenta o deporte inclusivo en xeral e o rugby inclusivo en particular. Iniciativas coma esta fan que un se sinta orgulloso do seu pobo”. Jorge Díaz participou na presentación do I Torneo de Rugby 7 Inclusivo, que tivo lugar no Campo de Outeiro.

 

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...