O Concello de Ribadeo saca este martes a licitación pública o proxecto para a creación dunha senda ciclable de 4 quilómetros de lonxitude que sairá dos Bloques, irá polo paseo marítimo chegando ata a praia de Rocas e logo seguirá por Vilaselán ata atoparse coa estrada da Deputación.
O orzamento ascende a 320.000 euros, dos que 250.000 son achegados pola Deputación de Lugo e o resto serán aportación do Concello ribadense. O prazo de execución das obras será de 4 meses. As empresas interesadas dispoñen de 20 días para presentar as súas ofertas.
O alcalde, Fernando Suárez, explicou que “é toda unha ruta circular de practicamente 4 quilómetros, onde nus puntos singulares imos facer un carril bici onde non poida ser o ancho dabondo tamén imos aglomerar todo e marcar con sinalización horizontal e vertical; serán espazos nos que a bici vai ter un papel importante”.
O rexedor dixo que “é para toda a cidadanía, para a xente nova e para a non tan nova, para os que viven en Ribadeo e para os que nos veñen visitar”. Suárez Barcia subliñou que “para estas obras, de practicamente 320.000 euros, a Deputación aporta 250.000 e os 70.000 restantes o Concello de Ribadeo”. A
A duración prevista das obras é de 4 meses e todas as empresas que estean cualificadas e queiran presentar oferta poden facelo desde este martes e durante 20 días. Toda a información está na páxina web do Concello ou na Plataforma de Contratos do Estado.
Suárez Barcia engadiu que “coa pandemia e con estas leccións que nos deu, a xente quere espazos públicos para pasear e para gozar; e desde o Concello estamos intentando converter en realidade estes soños, estas inquedanzas de moita xente”. Fernando Suárez agarda que as obras poidan dar comezo en xaneiro e que o carril bici sexa unha realidade na primavera de 2022.