O salón de plenos acolleu a presentación de Imos Andar, unhas andainas organizadas por Teresa Díaz coa colaboración da Concellaría de Deportes, que terán lugar os martes e os xoves ás 9:45 horas. Trátase dunha actividade gratuíta dirixida a mulleres e homes de calquera idade que queiran camiñar, socializar e pasar unha hora ao aire libre.
O único que teñen que facer as persoas interesadas é presentarse nas escaleiras da praza de abastos, ás nove e media da mañá, os martes e os xoves. As rutas arrincarán o 16 de novembro. No acto de presentación estiveron: Teresa Díaz, promotora da iniciativa; o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez; o concelleiro de Deportes, Jorge Díaz, e o técnico municipal de deportes, Iván Rodríguez.
O concelleiro de Deportes, Jorge Díaz, sinalou que “serán dous días á semana para empezar, os martes e os xoves, de dez menos cuarto a once menos cuarto. Tense pensado unha ruta por estación, pero iso xa sería a desenrolar dependendo da xente que queira facer uso desta iniciativa. Por parte do Concello darlle as grazas á organización e como non podía ser doutro xeito colaboramos ao cen por cen”.
O alcalde, Fernando Suárez, subliñou que “esta iniciativa é pioneira e singular. Desde o Concello queremos coordinar que vaia adiante, pero o máis importante é que haxa voluntarios para organizar, como neste caso temos, e que tamén haxa voluntarios e voluntarias para unha actividade que pretende socializar”.
A promotora destas andainas, Teresa Díaz, explicou que “é un paseo os martes e outro os xoves, e facer o mesmo paseo durante toda unha estación. Empezaríamos agora o de inverno, que serán pola zona de Ove, que sempre queda algo máis protexida”.
Teresa Díaz engadiu que “os xoves sairemos tamén cara ao colexio público porque a entrada é ás nove e media, para que nos podían atopar sen chegar á praza de abastos saímos por San Lázaro e continuamos en dirección a Santa Cruz”.
A promotora de Imos andar agarda que “sexan paseos que á xente lle apetezan facer para coidarse un pouco e que se estableza grupo, sería o ideal porque unha vez que se saiba o camiño non importa que xente vaia porque sempre irá xente que saiba a ruta de ir máis veces. Queremos que sexa unha actividade con ánimo de que poida continuar sola”.