O Santander terá que indemnizar ao Concello de Ribadeo por non permitir o acceso ás contas de Francisco Moreda

A entidade bancaria non permitira ao consistorio ribadense acceder ás contas de Francisco Moreda durante máis dun ano. O doutor Moreda decidira destinar a súa herdanza ao Hospital Asilo.

Fernando Suárez Barcia. FARO NORTE

O Banco Santander terá que indemnizar ao Concello de Ribadeo por non permitirlle acceder ás contas de Francisco Moreda durante máis dun ano. Para o alcalde, Fernando Suárez, trátase dunha boa noticia “tanto por interese público como por orgullo e dignidade”. Esa cantidade, uns 85.000 euros, sumarase ao resto da herdanza que este médico decidiu destinar ao Hospital Asilo.

O rexedor dixo que “o Xulgado de 1ª Instancia e Instrución de Mondoñedo deunos a razón no preito contra o Banco Santander por non darnos acceso ás contas do finado Francisco Moreda durante máis de un ano”. Así mesmo, Suárez Barcia indicou que esta acción do Banco Santander supuxo graves danos no patrimonio desta herdanza, “por canto ao non poder acceder no tempo razoable, houbo unha serie de produtos financeiros que viron reducido o seu valor“. O alcalde ribadense lembrou que durante o tempo que non se puido acceder á herdanza, non se puido realizar ningún tipo de operación desde o Concello sobre ela.

Suárez Barcia manifestou que o que si se fixo foron os requirimentos formais reiterados e motivados a través dos informes da Tesourería e da Intervención do Concello, “indicándolle a ese Banco que podería ser responsable, como así acabou sendo, por esta actuación neglixente”.

O alcalde sinalou que “o Banco estivo moitos meses sen darnos acceso a todas as contas esixíndonos documentacións inxustificables e cuestionando se o Concello era o herdeiro lexítimo”. Isto último, indicou Suárez, foi algo que o resto de actores neste caso non o fixeron. Finalmente, a xustiza, “oídas ambas as dúas partes, recoñece a neglixencia do Banco de Santander e obrígao a indemnizar ao Concello, xa que esa entidade non pode erixirse en xuíz da sucesión cuestionando a calidade de sucesor do Concello”.

Fernando Suárez indicou que “segundo os nosos avogados, a falta da precisión exacta do montante, este pode ascender a uns 85.000 euros. Desde o Concello sentímonos aliviados con esta sentenza, sabendo que o interese público non se ve afectado”.

O rexedor ribadense engadiu por último que “con todo o que teñamos, sabemos que non ha ser abondo para o tamaño proxecto de reforma do Hospital Asilo que temos por diante, mais confiamos que desta volta, a Xunta de Galicia poña a diferenza para poder executar estas obras tan necesarias”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here