No pleno ordinario que se celebrará mañá no Concello de Ribadeo someterase a aprobación a solicitude dun novo proxecto europeo Life Global para a costa ribadense. Á sesión, que dará comezo ás oito da tarde, tamén se levará a actualización do IPC interanual para as taxas da auga, do saneamento e da piscina municipal e unha modificación para a adaptación técnica e redución económica da ordenanza de terrazas.
O alcalde ribadense, Fernando Suárez, subliñou a intención de “solicitar un novo proxecto europeo que coñecemos como Life Global, e sería xa a segunda candidatura pois a primeira non acadou a puntuación necesaria para obter o financiamento comunitario”. Este proxecto segue a estela do Life Fluvial, que aínda está vixente, e co que se expropiaron nestes últimos tempos terreos na marxe galega da ría de Ribadeo para poñer a disposición de Conservación da Natureza e para actuacións medio ambientais. De aí que se substituísen eucaliptos por frondosas desde As Aceas ata practicamente o inicio da traza do tren mineiro de Ribadeo a Vilaoudriz.
O rexedor explicou que “agora trátase de pedir financiamento para adquirir unha serie de parcelas que lindan co mar, na parroquia da Devesa, singularmente no que é o entorno das Catedrais, e tamén en Rinlo e máis en Vilaframil“. En definitiva, proponse a compra de 27 parcelas que ocupan unhas catorce hectáreas no seu conxunto. A finalidade é lograr a restauración dos hábitats costeiros de flora autóctona.
Suárez Barcia dixo que “tamén levaremos ao pleno a actualización das tarifas da auga, do saneamento e da piscina municipal coa aplicación do IPC interanual correspondente, que neste ano se sitúa no 4%”. O resto de taxas e impostos municipais, como non están suxeitos a actualizacións obrigatorias, non se subirán.
Suárez Barcia tamén buscará apoios para modificacións na ordenanza das terrazas para bares, restaurantes e cafetarías. Quere consolidar os cambios que se permitiron no máis duro da pandemia, é dicir, poder poñer as terrazas, sempre que as condicións técnicas o permitan, nas zonas de estacionamento reservadas a vehículos.
Evidentemente, sinala o alcalde, terán que cumprir cunha serie de criterios técnicos en canto a materiais, a seguridade e á instalación de tarimas de ser necesario. Non obstante, desde o punto de vista económico “fixemos un novo estudo e determinamos unhas novas tarifas, que serán máis baixas en xeral, atendendo tamén a que os espazos a ocupar tenden a ser maiores do que eran para un mesmo número de persoas que os ocupen”. Ademais, de xeito excepcional, para este vindeiro ano 2022 aplicarase un 50% de redución na taxa por ocupación de vía pública.