Acisa Ribadeo ven de presentar a súa campaña de Nadal, que se desenvolverá do 2 de decembro ao 9 de xaneiro de 2022. Inclúe a XI Festa do Comercio, que repartirá 4.000 euros en premios, ademais de ambientación musical, concursos, sorpresas para os máis pequenos e pequenas da casa e a instalación da árbore destas datas nas Catro Calles, todo baixo o slogan O Nadal vívese en Ribadeo.
O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, dixo que “presentamos a campaña de Nadal que se celebrará do 2 de decembro ao 9 de xaneiro. Inclúe o sorteo da XI Festa do Comercio con 4.000 euros en premios”. Tamén se realizará a colocación da árbore de Nadal de Acisa nunha nova ubicacion, xunto a isto haberá actividades para as nenas e os nenos e a entrega de material gratuíto para os nosos socios e socias.
O xerente da asociación, Jesús Pérez, explicou que “este ano, coma o pasado, o sorteo da Festa do Comercio non será presencial para evitar as aglomeracións que se producían outros anos nesa xornada”. O sorteo realizarase nas oficinas de Acisa o 10 de xaneiro e será emitido en vídeo a través das redes sociais da asociación, coa posterior publicación dos números agraciados nos medios de comunicación.
As rifas estarán a disposición desde o 2 de decembro ata o 9 de xaneiro as rifas para clientes de todos os negocios asociados a Acisa Ribadeo. Desde ACISA sinalan que “este ano temos novidades nos premios, que se repartirán nun de 2.000 euros, dous de 500 euros, dous de 250 euros e cinco de 100 euros, co fin de poder premiar a máis xente e mantendo sempre un gran premio”. Para isto póñense en circulación 200.000 rifas, 75.000 máis que o ano pasado. “Esas rifas deberán ir debidamente seladas por cada establecemento para ser entregadas aos clientes”.
Iriarte Quintana dixo que “este ano optamos tamén por xerar nas rúas de Ribadeo o mellor ambiente de Nadal posible, que faga que ao saír da casa un se alegre un pouco máis e que se evada de tanta información”.
Pérez Prada sinalou que “instalaremos a árbore de Nadal de Acisa nas Catro Calles, concretamente en Rodríguez Murias, creando un espazo único onde veciños e visitantes poidan fotografarse, fronte ao nome de Ribadeo en tamaño XL, iluminado para a ocasión”. Tamén se aposta pola ambientación musical a través da megafonía polas principais rúas as tradicionais panxoliñas.
O presidente de Acisa seguiu a relatar que “Contaremos con animación para eles grazas a unha obra de teatro o dia 18 de decembro e un taller de adornos de Nadal o dia 24. Un ano máis xa foi entregado o material gratuíto aos socios: 30.000 bolsas, papel de regalo e pegatinas”.
Jesús Pérez manifestou que “todo isto non se entendería sen unha ampla campaña de promoción, co fin de dicirlles aos ribadenses, aos veciños da comarca e de lugares próximos, que Ribadeo é o mellor lugar para facer as compras, tomar un viño, encargar as comidas e as ceas de Nadal e desfrutar dunhas festas diferentes”.
Farase unha ampla promoción que se completará con spots publicitarios en redes durante estes días e cun spot especial que se dará a coñecer o 9 de decembro na entrega dos premios nacionais de comercio, “onde Acisa foi agraciada”. Todo isto servirá para promocionar Ribadeo a nivel nacional, “sen dubida a principal novidade neste sentido, xa que será a primeira campaña que nos dará a posibilidade de darnos a coñecer a ese nivel”.
Francisco Iriarte indicou que “para este Nadal non debemos esquecer a campaña das Panchas, organizada polo Concello de Ribadeo, que será sen dubida un revulsivo mais para mercar e consumir na nosa localidade e que dende Acisa conta con todo o noso apoio”.
ACISA Ribadeo participa na campaña Mercando en Lugo, que sortea en toda a provincia 30.000 euros. Tamén ata o 14 de decembro está activa a campaña Acisa Aforro, con descontos no carburante. A asociación tamén colabora co Ribadeo FC na súa campaña de captación de socios, onde aportou 500 euros en vales de compra.
O xerente de Acisa manifestou que “esta campaña de Nadal supón un investimento de máis de 30.000 euros por parte Acisa. É un dos maiores esforzis económicos realizados nos últimos anos, co fin de reactivar e consolidar a recuperación económica da vila”. Toda esta programación exclusiva de Acisa Ribadeo contará co financiamento e colaboración principalmente de Concello de Ribadeo, “administración á que lle estamos moi agradecidos, e con fondos propios da nosa asociación”.