Ría de Ribadeo ou Ría del Eo? O Parlamento Galego loitará polo topónimo orixinal

Pedirán ao Instituto Xeográfico Nacional que retire o topónimo solicitado por Asturias.

Pleno do Parlamento galego. AXM

A Comisión 1º Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior aprobou por unanimidade a Proposta Non de Lei impulsada polo PPdeG para actuar en defensa da designación patrimonial do topónimo ‘Ría de Ribadeo’.

O encargado de defender a iniciativa este xoves na Comisión do Parlamento de Galicia, o deputado popular Daniel Vega, amparouse na “multitude” de informes técnicos de diferentes organismos como o Seminario de Onomástica da Real Academia Galega (RAG), o Consello da Cultura Galega (CCG) ou a Universidade de Santiago de Compostela (USC) –que complementan ademais o estudo realizado pola Comisión de Toponimia de Galicia–, para asegurar que a petición do Principado de Asturias de recoñecer oficialmente o topónimo ‘Ría do Eo’ non ten sentido.

“Non debemos banalizar nin descoñecer a historia, porque entón cometeremos erros”, sinalou Vega, que explicou que a denominación ‘Ría de Ribadeo’ é “a máis antiga e a xeral de todos os tempos (s. XVI a XX), así como a exclusiva ata o século pasado”. Ademais, recalcou, as rías son mar que entra terra dentro, polo que non reciben o nome dos ríos que achegan auga, senón do pobo que antes ou mellor consolidase porto de mar. Aínda partindo de nome do río, insistiu o deputado, na ría de Ribadeo desembocan catro ríos: o Eo, o Suarón, o Monxardín e o Grande.

O grupo popular tamén se referiu a a normativa europea, concretamente a dous preceptos da Comisión de Expertos en Nomes Xeográficos dá ONU (UNGEGN), que recomendan “unha forma escrita única” e “que se evite un cambio innecesario de nomes”. A pesar de que a Comisión da toponimia afirmou en 2006 e 2008 que “a denominación da Ría de Ribadeo era a única oficial no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia” e que a Xunta debería “instar en todos os estamentos estatais e internacionais competentes” ao mantemento “exclusivo” deste topónimo, o pasado 29 de outubro o Instituto Xeográfico Nacional ditou unha resolución que, aínda que establecía a denominación ‘Ría de Ribadeo’ como identificador xeográfico, outorgaba ao topónimo ‘Ría do Eo’ “carácter de nome alternativo” –“co mesmo nivel de oficialidade”–.

UNANIMIDADE

Non entenden no PPdeG esta decisión, como tampouco o fan os grupos da oposición, que votaron a favor da proposta. Con todo, o grupo socialista afeoulle aos populares a tardanza, “posto que, dado que o Goberno asturiano que iniciou o proceso era popular, podían dialogar con eles no seu momento”.

Tamén lle solicitaron ao Goberno galego “a mesma contundencia noutras toponimias”, como con ‘A Illa da Toxa’ e a ‘Isla de la Toja’. Neste sentido expresouse tamén o BNG, que tachou ademais o caso de “ataque directo á toponimia de Galicia”. Os nacionalistas tamén censuraron que os populares “traten de porse medallas” por iniciar o proceso, “cando foi algo colaborativo” entre a Deputación de Lugo e o Ayuntameinto de Ribadeo.

Vega concluíu o debate afirmando, en resposta ás declaracións do grupo do BNG, que o PPdeG defende “o territorio por completo” e que tamén posúe “un sentimento galeguista”. “Non vou tolerar leccións de nacionalismo porque o nacionalismo non vai unido ao galeguismo; o galeguismo si vai da man de Galicia e os galegos”, aseverou o parlamentario popular.

Please wait while you are redirected...or Click Here if you do not want to wait.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here