Aberto o prazo de inscrición para as actividades de Nadal en Ribadeo

A concelleira de Mocidade, Mariluz Álvarez Lastra, declarou que “as actividades están centradas, nunha parte importante, nas competencias dixitais. Parécenos que son ámbitos moi importantes, moi interesantes e sobre todo tamén relacionados coas necesidades que teñen a nivel estudantil".


Hoxe ábrese o prazo de inscrición nas actividades organizadas pola Concellaría de Mocidade de Ribadeo para este Nadal. Haberá teatro no auditorio, obradoiro de competencias dixitais e de vídeo xogos, tarde de lecer en Xuvenlugo e cine, do 27 ao 30 de decembro, nas salas comerciais de Ribadeo e cun prezo de entrada de so 1 euro.

A concelleira de Mocidade, Mariluz Álvarez Lastra, declarou que “as actividades están centradas, nunha parte importante, nas competencias dixitais. Parécenos que son ámbitos moi importantes, moi interesantes e sobre todo tamén relacionados coas necesidades que teñen a nivel estudantil”.

Realizaranse talleres os días 27, 28, 29 e 30 de decembro na Casa da Xuventude, onde se van abordar as presentacións interactivas, os códigos QR, as ferramentas básicas como son programas para facer power point e diferentes tipos de medios dixitais como Conva e Genially. As actividades están deseñadas para dous tramos de idade, para 5º e 6º primaria en horario de once a doce da mañá, e para ESO e bacharelato entre as doce e media e a unha e media da tarde.

Hai 15 prazas, polo tanto é estritamente necesario facer a preinscrición chamando ao teléfono da Casa da Xuventude ao 982 129 889 ou mandando un correo electrónico ao seu enderezo mais é necesario pasar polas dependencias municipais para facer unha ficha de inscrición.

A edil ribadense dixo que “relacionado tamén coas competencias dixitais, pero desde o ámbito do obradoiro de vídeo xogos, os días 3, 4 e 5 de xaneiro, vanse traballar todos aqueles aspectos relacionados con xogos que os máis novos coñecen para aprender a programar”.

Os obradoiros van dirixidos tamén para coñecer e para ver as utilidades que teñen desde o punto de vista educativo e aqueles aspectos que non deben ser tidos en conta ou que son máis perigosos. “Todas estas actividades vanse facer no centro TIC, no telecentro do Concello de Ribadeo, pero é necesaria a previa preinscrición”.

Mariluz Álvarez Lastra sinalou que “ademais están as actividades Volve o Cine no Nadal ao noso concello e esta vez imos facelo da man dos multicines de Cinelandia para apoiar a este sector que viviu uns momentos difíciles”. Para isto crearase un convenio entre Concello e Cinelandia onde os días 27, 28, 29 e 30, o Concello de Ribadeo pon a disposición dos rapaces e das rapazas do noso concello 200 entradas.

Os mozos e mozas simplemente terán que aportar 1 euro, o resto corre a cargo do Concello de Ribadeo, e as películas van ser en dúas salas diferentes, unha para os rapaces e rapazas máis pequenos e outra para os adolescentes e persoas adultas.

O horario das películas nas dúas salas será ás cinco e media da tarde. O aforo será de 200 entradas entre as dúas salas e cando se esgote entenderemos que xa non ten cabida para máis xente”.

A concelleira de Mocidade anunciou que “outra das actividades que poñemos a disposición dos rapaces e rapazas do noso concello é a asistencia a Xuvenlugo, en colaboración coa área de Mocidade da Deputación provincial”. O Concello de Ribadeo dispón de 90 entradas para rapaces e rapazas empadroados no concello. “O día 3 pola tarde o noso concello ten reservada a asistencia a Xuvenlugo e poñeremos un autobús para aquelas persoas que non teñan maneira desprazarse para que poidan facelo dun xeito gratuíto”.

O autobús sairá ás dúas e media da tarde de Ribadeo cara a Lugo, estará alí toda a tarde e cando as actividades rematen ás oito volverán a Ribadeo. É necesario inscribirse e todas as persoas menores teñen que ir acompañadas dun adulto posto que “desde o Concello de Ribadeo non nos facemos cargo, debido á situación sanitaria na que estamos, de ningún rapaz ou ningunha rapaza, é dicir toda persoa que asista no autobús debe ir acompañada dun adulto que se faga cargo”.

Tamén hai outro tipo de actividades de teatro e demais na programación habitual, en colaboración coa Concellaría de Cultura, como a actuación do Teatro Galitoon coa obra Güela güela o luns 22 ás cinco e media da tarde no Auditorio Municipal. O prezo da entrada é de 5 euros.

Álvarez Lastra subliñou que “para facer uso de todas estas actividades e poder participar é necesario e imprescindible inscribirse na Casa da Xuventude, que está fronte á biblioteca municipal, e no teléfono é 982 129 889. As actividades son totalmente gratuítas”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here