A Asociación de Profesores de Automoción de Galicia, con sede en Ribadeo, porá en marcha en xaneiro un proxecto formativo aplicando unha nova tecnoloxía, que se chama de aula invertida. O alumnado poderá formarse durante a semana na súa casa a través das plataformas de Apaga e a fin de semana asistir ás clases prácticas. Álvaro Doural, o presidente do colectivo, anima ás empresas a enviar propostas de formación co obxectivo de poder satisfacer as súas necesidades laborais.
O presidente Apaga, Álvaro Doural, anunciou que a partir de xaneiro empezarán con este proxecto formativo, que considera sumamente interesante. Vai haber un reforzo importante de toda actividade formativa que se está facendo neste momento utilizando novas tecnoloxías, as plataformas de formación e de videoconferencias e a utilización de ferramentas como o libro electrónico.
Doural subliñou que “con isto conseguiremos incrementar o número de horas de formación e que as actividades que se fagan en Ribadeo, ou noutro lugar, serán eminentemente prácticas“. A parte conceptual e de teoría vaise facer as plataformas tecnolóxicas e as persoas que participen nelas van ter xa previamente unha formación sobre a temática do curso.
O presidente de Apaga contou que “isto vai ter un custe económico similar ao que teñen as actividades que son soamente presenciais. Polo tanto a aquela persoa que veña non lle vai supoñer un custo engadido”.
Desde APAGA consideran que se trata dunha nova opción moi interesante, especialmente para a xente que está traballando e que pola semana non pode asistir. Así, desde a súa casa poderá facer a formación teórica e despois a fin de semana levar a cabo a actividade práctica. É un novo proxecto de formación que se está experimentando nunha iniciativa europea sobre os aprendices, seguindo directrices da Unión Europea.
Finalmente, desde APAGA engaden que “podemos aproveitar este recurso aquí, na Mariña de Lugo, e estamos abertos a escoitar propostas; de feito xa recibimos algunhas de empresarios, que queren que lles axudemos na formación”. Tamén anuncian estar abertos para calquera tipo de colaboración, sempre dentro das súas posibilidades, aínda que consideran que unir forzas pode axudar a sacar adiante novas propostas.