As bandeiras do Concello ondean a media asta como mostra do pesar do pobo de Ribadeo polo pasamento de Víctor Moro. O economista e ex director do Banco de España en Cataluña faleceu hoxe aos 95 anos de idade. O alcalde, Fernando Suárez, dixo que “lamentamos a súa perda. Víctor Moro, ribadense de nacemento, sempre estivo moi vinculado á nosa vila a onde acudía con certa frecuencia”.
Víctor Moro fora nomeado Fillo Predilecto de Ribadeo o 2 de setembro de 2012. O rexedor destacou no discurso pronunciado esa xornada que “mención especial debe ter o seu compromiso con este Concello que o quere laudar e coa súa Ría, a Ría de Ribadeo que, sendo de todos e todas, divide administrativa e teoricamente unha realidade que as xentes de ambas as beiras se encargan de borrar no decorrer do día a día, compartindo relacións comerciais, lingua, cultura e tradicións”. Suárez tamén lembrou que Víctor Moro Rodríguez foi un activo defensor da legalidade, recoñecemento e difusión do topónimo histórico, legal e vixente Ría de Ribadeo.
Fernando Suárez quixo deixar patente a implicación e relación de amor de Moro profundo coa terra que o viu nacer, “que o fai merecente do nomeamento como Fillo Predilecto de Ribadeo”. Ademais da de Fillo Predilecto de Ribadeo, Víctor Moro tiña outros recoñecementos como a Orde do Mérito Constitucional, a Cruz do Mérito Naval, ou a Creu de Sant Jordi.
En sinal de loito polo pasamento de Víctor Moro as bandeiras do Concello de Ribadeo ondean a media asta.