A Xunta inicia procedemento de desafiuzamento a un edificio de reparacións do porto de Ribadeo ao caducar o permiso

A edificación deberá de ser abandonada nun prazo máximo de 10 días.

Porto de Ribadeo. AXM

Portos de Galicia notificou o acordo de inicio de procedemento de desafiuzamento administrativo dun edificio do porto de Ribadeo dedicado á reparación de embarcacións.

Segundo figura este luns no Diario Oficial de Galicia (DOG), notifícase a JRGB, mediante a publicación no Boletín Oficial do Estado, o requirimento previo de desafiuzamento administrativo desta edificación ao non ser posible a comunicación a través do servizo de Correos no último domicilio coñecido.

Nun escrito asinado pola presidenta de Portos de Galicia, Susana Leguas, indícase que o expediente se tramita por “atoparse extinguida a autorización e non ser factible a súa renovación pola falta de concorrencia dos requisitos esixibles, incluídas as débedas existentes”.

De tal forma, a edificación deberá de ser abandonada nun prazo máximo de 10 días a contar desde a publicación da presente comunicación. Para iso, formalizarase coa entrega das chaves do peche exterior ao persoal de Portos de Galicia.

Ademais, poderanse facer alegacións durante 10 días hábiles e presentarse os documentos ou xustificacións que se estimen pertinentes.

O Goberno galego avisa de que de ser preciso o desafiuzamento, será executado co auxilio das Forzas e Corpos da Seguridade do Estado.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here