O CIM pon en marcha un ano máis a campaña Co-educa xogando para concienciar sobre a necesidade de romper cos estereotipos sexistas asociados a determinados xoguetes, cores e actividades.
Desde o CIM sinalan: “queremos lembrar a importancia na elección dos xoguetes coa campaña Co-educando xogando, dirixida tanto ao público en xeral como ao ámbito educativo máis directamente, orientada a concienciar sobre a necesidade de romper cos estereotipos sexistas asociados a determinados xoguetes, cores e actividades”.
Tamén o CIM sinala que haberá unha guía á hora de adquirir xoguetes para os nenos e nenas e por iso se presenta un decálogo útil para esta tarefa. Entre os diferentes puntos do decálogo está que o xoguete debe pode ser utilizado por nenas ou por nenos indistintamente, non hai xoguetes de nenas e nenos. Ademais de romper cos estereotipos sexistas asociados a determinadas cores. Por outra parte tentar elixir xoguetes que reflictan a diversidade de cada persoa e regalar xoguetes que faciliten a cooperación e a comunicación.
Tamén buscar xoguetes que axuden a desenvolver as diversas capacidades e habilidades dos nenos e nenas. Buscar xoguetes que potencien a igualdade na participación, así como o desenvolvemento de sentimentos e afectos sen diferenciación. Evitar xoguetes e xogos violentos fomentando o uso de xoguetes didácticos. Potenciar o uso de libros, videoxogos e xoguetes nos que se nomeen e sexan protagonistas tanto nenos como nenas. Deixemos que as nenas e nenos elixan, sen verse condicionados por roles tradicionais. “O xoguete que agasallemos hoxe fomentará valores humanos e persoais que lles serviran para nun futuro compartir traballos e responsabilidades”.
Desde o CIM de Ribadeo “animamos ás familias para romper cos tópicos regalando ás súas fillas e fillos xoguetes e obxectos neutros, sen diferenzas en función do sexo, como bicicletas, libros, material deportivo, xogos de ciencia e outros xoguetes didácticos”.
Na actualidade, segundo o CIM, existen no mercado algúns videoxogos que contribúen ao desenvolvemento de actitudes e comportamentos de cooperación e nos que non aparecen personaxes femininos como un obxecto sexual e personaxes masculinos caracterizados pola súa violencia e crueldade.