A Banda Municipal de Música de Ribadeo ofrecerá o seu tradicional concerto de Nadal, titulado Aquí como en Viena, o vindeiro martes, día 28 de decembro, ás 20:30 horas no auditorio Hernán Naval. A entrada é de balde ata completar o aforo, pero para asistir é obrigatorio presentar o certificado de vacinación contra o coronavirus.
O director da Banda ribadense, David Ballester, anunciou que o concerto da Banda Municipal de Música de Ribadeo Aquí como en Viena será o martes 28 de decembro ás oito e media da tarde no auditorio Hernán Naval. Será un concerto con dúas partes, “a primeira un pouco máis lúdica e amena, con obras que seguramente coñeza bastante o público asistente e unha segunda parte dedicada a Viena, con polcas e valses típicos, que se soen interpretar no concerto de Aninovo da Orquesta Filarmónica de Viena”.
David Ballester engadiu que “como novidade vai ser obrigatorio o pasaporte Covid para poder asistir ao concerto. A entrada é de balde ata completar o aforo, pero para poder acceder será por rigorosa orde de chegada e mostrando ese pasaporte Covid, ao que os menores de 12 anos non están obrigados”.
O director da Banda de Ribadeo remata invitando “á xente a que se achegue ao auditorio Hernán Naval o martes 28 de decembro ás oito e media da tarde, pero hai que insistir na distancia de seguridade, no uso obrigatorio de máscara e no pasaporte Covid, que será necesario para poder acceder”.