O alcalde, Fernando Suárez, e o concelleiro de Comercio e Turismo, Pablo Vizoso, recibiron no Concello a Francisco Iriarte e Jesús Pérez, presidente e xerente de Acisa.
O presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo dixo: “queremos compartir co Concello este galardón, xa que unha parte foi conseguido grazas ás súas axudas e as actividades que nestes anos organizamos xuntos”.
Entre as actividades ou servizos están a App de Acisa, o proceso de dixitalización da información turística e comercial, as campañas das Panchas, o Ribadeo Indiano, as campañas de Nadal, feitas en coordinación e colaboración entre ambas entidades, as axudas para materiais e para as diversas actividades de dinamización comercial puideron realizarse mediante convenios e as axudas concedidas.
Pola súa banda o xerente indicou que “na entrega de premios puiden escoitar o importante que é traballar coa administración local, a mais próxima a nós. Ás veces discrepamos, pero sempre dende o respecto e na búsquela dende diferentes puntos de vista do mellor para o tecido económico”.
Pérez destacou tamén que nestes dous anos de pandemia ACISA conseguiu axudas extraordinarias para Acisa por parte do Concello. Resaltou os avances conseguidos en materia de exección de taxas nas terrazas.
Iriarte sinalou: “é de agradecer o bo ton, a dispoñibilidade e a cooperación que mantemos entre ambas entidades, sendo conscientes de que somos entes diferentes, pero compartimos un interese común, sacar a diante a economía local”.
O concelleiro de Comercio e Turismo, Pablo Vizoso, manifestou: “dende o Concello de Ribadeo é un pracer recibir aos representantes de Acisa e trasladarlles o noso recoñecemento por este accésit outorgado polo Ministerio de Comercio, que se suma tamén á adhesión á promoción do comercio dos cascos históricos”.
Vizoso Galdo engadiu: “pola nosa parte é unha enorme satisfacción poder seguir colaborando cunha asociación do nivel de Acisa co que aporta para o comercio de Ribadeo. Esperamos seguir celebrando estes éxitos e colaborando estreitamente no futuro”.
RECICLAXE DE CARTÓN
A patronal ribadense e o Concello de Ribadeo poñen en marcha unha campaña de concienciación especial para estas datas. Está destinada a comercios, hostaleiros e particulares, baixo o slogan no Nadal enche as rúas de ilusión non de cartón solicitan a empresas e particulares dedicarlle un minuto a pregar os cartóns dos paquetes destas datas e depositalos no interior dos contedores correspondentes, para que os días 25 de decembro e 6 de xaneiro especialmente, Ribadeo luza como debe. “Entre todos seguro que podemos conseguilo”, apuntan.