O 31 de decembro conclúe a terceira edición da campaña da Pancha, a moeda local de Ribadeo. O concelleiro de Desenvolvemento Local, Comercio e Turismo, Pablo Vizoso, anima a empregala para as compras destes días.
Foron un total de 114 establecementos comerciais e hostaleiros os que se adheriron a esta campaña, que arrincou o pasado 1 de setembro para facer medrar a economía local, apoiando o comercio de proximidade, a hostalaría e o sector servizos de Ribadeo.
Vizoso Galdo lembrou que “este ano quixemos dar un paso máis dixitalizando todo o proceso de adquisición e de compra e simplificando todas as operacións. Deste xeito tanto para comprar as Panchas como para facer os cobros unicamente se precisa dun teléfono móbil tipo Smartphone. As Panchas puideron e poden adquirirse dende o móbil en fraccións de 30 euros, polos que se obterá un contravalor de 40 Panchas, e ata un máximo de 7 packs por cada persoa participante, o que supón que por cada 210 euros obtéñense 280 Panchas. E o Concello axuda con 10 euros por cada 30”.
O concelleiro de Desenvolvemento Local subliñou que “a data límite para poder facer pagos coa Pancha, a moeda local de Ribadeo, é o 31 de decembro. Despois quedará sen efecto”.
Pablo Vizoso anima “á veciñanza a aproveitar as Panchas para facer as compras destas festas. Estamos en pleno Nadal, houbo moita xente que as empregou para as compras do 25 de decembro e á volta da esquina temos Reis, datas tamén de moitas compras, de moitos encargos e é un bo momento para darlles saída ás Panchas que fomos adquirindo nas últimas semanas”.