O Concello de Ribadeo pon en marcha a segunda campaña de esterilización das colonias de gatos que viven nas rúas do municipio. Así o sinalou o edil de Medio Ambiente, Jorge Díaz, que destacou o traballo realizado polo voluntariado.
“O máis importante quizais foi sentar as bases para organizar un grupo de voluntariado e ter as colonias tuteladas con esas persoas e así darlle a forma a ese traballo ao longo da campaña pasada para que fose eficaz e dera os seus froitos”, dixo o edil sobre o traballo realizado ata agora.
Así, salientou que o ano pasado leváronse a cabo unhas 35 esterilizacións grazas a todo este voluntariado, apoiado tecnicamente polas dúas clínicas veterinarias da vila e tutelado polo Concello de Ribadeo.
O edil de Medio Ambiente indicou que agora preténdese seguir na mesma liña que xa marcamos o ano pasado. “E para iso imos incrementar a partida orzamentaria, tanto para esterilización como para alimentación. E tamén queremos dar pasos na mellora das colonias e, sobre todo, acreditar ás persoas voluntarias para que así estean seguras á hora de darlles de comer aos animais en calquera destas colonias”, apuntou.