O alcalde de Ribadeo chama á veciñanza facer os test de antíxenos no pavillón habilitado na vila

Suárez Barcia anima tamén ás persoas dos concellos veciños achegarse ata Ribadeo para faceren as probas de saliva para descartar a presenza de COVID. As probas realizaranse os luns, mércores e venres de dez da mañá a dúas da tarde.


Os test de antíxenos en saliva comezaron a realizarse este luns en Ribadeo. As probas lévanse a cabo no pavillón polideportivo da Avenida de Luarca, onde persoal do Hospital Público da Mariña estará os luns, os mércores e os venres de dez da mañá a dúas da tarde para atender a toda a veciñanza que decida acudir a esta cita. No pavillón estiveron esta mañá o alcalde, Fernando Suárez, a directora do Hospìtal Público da Mariña, María José Cortés, e concelleiro ribadense Jorge Díaz.

O rexedor ribadense declarou que “abrimos agora ás dez da mañá este punto de test de antíxenos aquí no pavillón polideportivo novo, que está na Avenida de Luarca, de acordo co requirimento que nos fixeron as autoridades sanitarias e que mostramos conformidade absoluta e puxémoslles a disposición este pavillón, que polas súas dimensións non ten ningún problema”.

Suárez Barcia sinalou que “vemos que agora a primeira hora que está habendo bastante xente. Aínda que os test son rápidos, practicamente en dez minutos sábese o resultado, polo que contemplamos que ao longo da mañá se normalice esta cola que hai agora de inicio. Realmente este punto de test de antíxenos para o covid está dirixido a toda a poboación en xeral, especialmente aos asintomáticos, tamén aos contactos de positivos que teñan curiosidade por ver se eles tamén están contaxiados ou en todo caso para calquera outra persoa que queira saber se ten o covid ou non”.

O alcalde de Ribadeo fixo un chamamento “non só ás persoas de Ribadeo senón dos concellos da contorna que os luns, os mércores e os venres en horario de dez da mañá a dúas da tarde, poden vir aquí sen ningún problema, hai lugares de aparcamento próximos, e poden saír de dúbidas e facer este autotest e hai persoal facultativo do Hospital da Costa que estará aquí todos estes días”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here