O BNG de Ribadeo sinala nun comunicado a súa aposta pola potenciación da sanidade pública. Nun contexto xeral de recortes, “que se viu agravado pola crise sanitaria xerada pola Covid-19″, defenden o incremento dos orzamentos dedicados á sanidade pública e non desviar á sanidade privada a prestación de servizos. Así mesmo piden consolidar os postos de traballo xa existentes “para evitar contratacións ridículas de ata media xornada” e aumentar o persoal sanitario.
O BNG ribadense acusa ao presidente da Xunta de abrir “expedientes a quen ouse adoptar unha actitude crítica coa súa xestión sanitaria”. Poñen como exemplo o caso da doutora de urxencias no CHUS Fátima Nercellas, quen foi sancionada con 17 días de emprego e soldo por sacar a dous doentes dos corredores de urxencias para poder atendelos en condicións.
Denuncian as listas de espera e a situación que se vive por culpa da COVID. Por iso consideran que a Xunta, lonxe de reaccionar, “o persoal sanitario percibe como unha clara advertencia sancións como as da doutora Fátima Nercellas”. Por outra parte, sinalan a continuidade de contratos dun día, no que mesmo se teñen que desempeñar funcións distintas segundo a hora.