O Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Porta da Auga, de Ribadeo, acolle unha actividade formativa sobre a instalación de cartón xeso para o alumnado do Ciclo de Obras de Interior. Está impartida por un monitor da empresa Placo, que se desprazou ao centro ribadense para ensinar aos alumnos novidades na instalación deste material durante as tardes do pasado luns e deste martes, en horario lectivo.
O xefe do Departamento de Edificación e Obra Civil no CIFP Porta da Auga, José Méndez de Andés, explica que “esta formación corre a cargo da empresa Placo, coa que o centro ten un convenio de colaboración e ademais esta firma ten un acordo co Ministerio de Educación para realizar a formación nos centros de FP que contan con ensinanzas de Obras de Interior, Decoración e Rehabilitación. Esta empresa dedicase principalmente á colocación de cartón xeso en interiores e ten tamén novidades en aplacado exterior para vivendas, que é interesante para esta zona onde estamos porque, pola humidade que hai e o frío, convén sempre poñer un aplacado exterior para protexer as fachadas”.
José Méndez de Andés destaca que con esta formación “o alumnado aprende as novidades que saen no referido á instalación de cartón xeso, que é un dos módulos principais do ciclo de Obras de Interior que temos no Porta da Auga. Ademais esta empresa colabora co centro tamén no equipamento de seguridade e de traballo para os alumnos: roupa, botas e outro material que usan normalmente”.