InicioOrientalRibadeoRibadeo saca a poxa por terceira vez o inmoble do doutor Moreda...

Ribadeo saca a poxa por terceira vez o inmoble do doutor Moreda Pérez que recibira o Concello como herdanza

O alcalde, Fernando Suárez, dixo que “en cumprimento da vontade manifestada no testamento do Sr. Francisco Moreda Pérez de deixar todos os seus bens, dereitos e accións ao Hospital Asilo de San Sebastián e San Lázaro de Ribadeo, desde o Concello inventariamos, valoramos e fixemos todos os trámites conducentes a cumprir escrupulosamente a vontade desta persoa”.

Publicada o

- Advertisement -

O Concello saca a poxa por terceira vez o inmoble do doutor Moreda Pérez, que recibiu como herdanza. O prezo de saída do piso da rúa Reinante, do 50% do faiado e do contido da vivenda será de 182.730 euros. Os posibles interesados deberán puxar á alza. O prazo para presentar ofertas en sobre pechado remata o 27 de marzo.

O alcalde, Fernando Suárez, dixo que “en cumprimento da vontade manifestada no testamento do señor Francisco Moreda Pérez de deixar todos os seus bens, dereitos e accións ao Hospital Asilo de San Sebastián e San Lázaro de Ribadeo, desde o Concello inventariamos, valoramos e fixemos todos os trámites conducentes a cumprir escrupulosamente a vontade desta persoa”.

O rexedor lembrou que “entre outras cousas, fixéronse hai varios meses dúas poxas pública pola súa vivenda da Rúa Reinante e mais polo 50% do seu faiado neste mesmo edificio así como polo contido desta propiedade. A poxa, en ambos os dous casos, quedou deserta”.

Suárez Barcia explicou que “desde o Concello, decidimos solicitar novas valoracións á Oficina Técnica Municipal á vista de que o prezo de saída anterior puidese estar por riba dos prezos de mercado nese momento. Con esta nova valoración, que reduce novamente o prezo de saída, decretouse unha terceira poxa pública á alza. Para isto publicouse o anuncio de licitación no perfil de contratante na Plataforma de Contratación do Sector Público. O prazo para presentar ofertas en sobre pechado será dun mes e rematará vindeiro 27 de marzo de 2022”.

O alcalde ribadense indicou que “o prezo de saída da poxa á alza para a vivenda e 50% do faiado é de 158.231euros e o prezo do contido ascende a 24.499 euros. Así pois, continente e contido, suman un total de 182.730 euros polos que os posibles interesados deberán puxar á alza. No caso de chegar a bo fin con esta nova poxa, o diñeiro conseguido sumarase aos outros bens xa monetarizados e custodiados pola intervención municipal e cuxo destino único será a mellora e modernización do Hospital Asilo de San Sebastián e San Lázaro, como era a vontade de Francisco Moreda Pérez”.

SENTENZA GAÑADA EN PRIMEIRA INSTANCIA CONTRA O BANCO SANTANDER

O Banco de Santander ven de presentar na Audiencia Provincial de Lugo un recurso contra a sentenza gañada polo Concello en primeira instancia, que condenaba á entidade a pagar 85.000 euros polas perdas causadas ao non terlle permitido ao Concello de Ribadeo acceder ás contas do finado Francisco Moreda durante máis dun ano.

Fernando Suárez contou que “a finais de novembro pasado, informouse do preito gañado ao Banco de Santander segundo a sentenza de emitida polo Xulgado de 1ª Instancia e Instrución de Mondoñedo por non terlle dado ao Concello acceso ás contas do finado Francisco Moreda durante máis de un ano. Naquela sentenza púxose de manifesto os danos producidos no patrimonio desta herdanza, por canto ao non poder acceder no tempo razoable, houbo unha serie de produtos financeiros que viron reducido o seu valor”.

E engadiu que “desde o Concello, como titular do Hospital Asilo, e por extensión responsable da xestión desta herdanza, nada puido facer durante todo o tempo que o Banco actuou neglixentemente ao non permitir o acceso ás contas e aos valores. Na sentenza condénase ao Banco a pagar por estas perdas, o que os nosos avogados especializados en Dereito Mercantil, Zamorano & Peleteiro, estiman na cantidade duns 85.000 euros”.

O alcalde de Ribadeo subliñou que “como novidade a este respecto, temos que dicir que o Banco recorreu esta sentenza na Audiencia Provincial de Lugo, polo que debemos agardar agora ao pronunciamento deste Tribunal para confirmar ou non esta sentenza gañada en primeira instancia”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...