Ribadeo acollerá o vindeiro domingo, 6 de marzo, un torneo de hockey liña no que se darán cita varios equipos asturianos nas categorías de benxamín, infantil e senior. O evento foi presentado esta mañá no salón de plenos do Concello. Está organizado polo Club de Hockey Illa Pancha de Ribadeo, que conta coa colaboración do Concello. No Torneo de Hockey Liña en Ribadeo tamén participa o club organizador na categoría de benxamíns,
O concelleiro de Deportes, Jorge Díaz, manifestou que “no Concello de Ribadeo estamos encantados debido a que fai uns meses se fixo unha inversión moi importante nesa pista, que tiñan toda a súa razón e nos viñan demandando para facilitar a práctica deste deporte minoritario. Estamos moi contentos de que se faga esta xornada e as próximas que van vir dentro dunhas semanas. Este é un inicio da tempada de hockey liña patíns en Ribadeo”.
O alcalde, Fernando Suárez, declarou que “é certo que no conxunto da comarca é un deporte minoritario porque hockey liña só hai en Ribadeo. Oxalá nos próximos tempos, noutros concellos próximos a nós poidan ter este tipo de especialidades deportivas porque este equipo ten que competir en dúas ligas, na galega e na asturiana, ten unha chea de quilómetros que facer cada fin de semana que se ten que enfrontar aos seus rivais. Nós desde aquí con instalacións animámolos e apoiámolos, pero a ver se con estas iniciativas e con estes torneos imos espertando máis interese noutros concellos cercanos para ver que se poidan facer ligas máis cheas de equipos e máis competitivas”.
O directivo do Club de Hockey Illa Pancha, Miguel Otero, dixo que “este é un deporte minoritario dentro dos minoritarios, pero moi espectacular e moi bonito. Ven ser unha adaptación do hockey xeo en pista seca co cal toda a rapidez e a espectacularidade segue presente. Queremos invitar a todo o mundo que veña velo e agradecerlle sempre ao Concello de Ribadeo a súa implicación con nós porque sen a pista pouco se podería ter feito. Afortunadamente dispoñemos dunha das tres pistas de Galicia oficias de hockey, non hai máis que tres e nós temos unha. A nosa intención é que sexa tamén un nexo de colaboración entre Asturias e Galicia porque é un deporte en auxe entre as dúas comunidades. A verdade é que nos apetece un montón que haxa relación e sobre todo que se potencie a actividade para os nenos e as nenas, que é o que máis nos importa. Ao fin e ao cabo todo isto facémolo polos rapaces e que vexan que hai moitos deportes, moito onde elixir e que se divirtan moito, sobre todo iso”.
A adestradora Soledad García subliñou que “quero fomentar o deporte feminino e que se coñeza pola zona o deporte en xeral do hockey liña para xuntar xente tanto de Asturias como de Galicia e que poidamos crecer como club e como equipo. Participan neste torneo sete clubs de diferentes zonas de Asturias e algúns son mixtos polo que queremos favorecer a inclusión do deporte dos nenos e nenas nos mesmos equipos con igualdade”. O evento deportivo desenvolverase no pavillón municipal desde as dez e media da mañá.